O 31 de decembro remata o prazo para solicitar prestamos a emprendedores e iniciativas innovadoras PDF
As liñas de financiamento contemplan préstamos de entre 25.000 e 120.000 euros sen comisións das entidades e cun xuro do 3,30% en 2006

Santiago, 4 de decembro de 2006.- Os emprendedores e as pemes que desexen  solicitar os préstamos que o Igape habilita, en colaboración coas entidades financeiras e as sociedades de garantía recíproca galegas,  para implantar novos proxectos ou iniciativas innovadoras en Galicia poderán facelo ata finais deste mes. Mediante as compensacións por custos e xestión das operacións financeiras que achega tanto ás entidades financeiras colaboradoras como ás SGR, o instituto fai posible a concesión de préstamos por contías comprendidas entre 25.000 e 120.000 euros nas seguintes condicións: prazo de amortización entre 5 e 7 anos, incluíndo ata un ano de carencia, con xuros definidos polo Euribor a seis meses+un tipo adicional de 0,25 puntos. Para o segundo semestre de 2006, o xuro nominal será do 3,30%.

A liña de préstamos a emprendedores avalados polas SGR ponse en marcha como consecuencia dunha das carencias detectadas a través do Foro Galego do Emprendemento impulsado polo Igape, a referida á necesidade de apoiar o financiamento dos proxectos emprendedores desde a súa xestación, e facelo principalmente mediante o achegamento de garantías que lles faciliten o acceso ao financiamento necesario. Mediante esta liña de apoio, o Igape habilita unha nova vía de financiamento para apoiar a cultura do emprendemento e a implantación de proxectos promovidos por emprendedores, que adoitan atopar importantes dificultades para financiar os seus proxectos, principalmente polos problemas na achega de garantías ou polos custos de xestión que teñen este tipo de operacións.

Pola súa parte, as pemes que impulsen en Galicia proxectos innovadores poderán dispor igualmente de préstamos en condicións preferentes e avalados polas sociedades de garantía recíproca galegas. O Igape dispón así unha nova vía de financiamento específica para apoiar proxectos de innovación para procurar, deste xeito, facilitar o desenvolvemento en Galicia dos proxectos deste tipo impulsados polas pemes, que adoitan tamén atopar dificultades especiais para acceder ao financiamento directo.

Última actualización ( 19/01/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design