A creación dun centro de interpretación paleontolóxica en As Pontes, premio de creatividade aplicada PDF
A iniciativa do biólogo Carlos Brezmes aposta pola creación dun centro onde se partiría de mostrar os fósiles recuperados na mina de As Pontes para explicar como se desenvolveu a vida da zona en épocas pasadas, a través de distintas salas que reconstruirían a fauna e a flora existentes na contorna.
 
Santiago, 4 de decembro de 2009.- A iniciativa para a creación dun centro de interpretación paleontelóxica a carón do lago creado na antiga explotación mineira de As Pontes foi galardonada pola Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, no marco da II edición do certame para o fomento da creatividade aplicada nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. Neste centro de interpretación, que para poñerse en marcha precisaría do apoio e a colaboración de Endesa, das universidades, do concello de As Pontes e doutras entidades e institucións culturais, partiría de mostrar os fósiles recuperados na mina de As Pontes para explicar como se desenvolveu a vida da zona en épocas pasadas en distintas salas que reconstruirían a fauna e a flora existentes na contorna. A iniciativa premiada con 4.000 euros a través do Igape propón a creación dun edificio duns 2.000 metros cadrados, en forma de U, na beira norte do lago.
 
O obxectivo fundamental do certame gañado por esta iniciativa é impulsar a mellora da competitividade empresarial nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal mediante a promoción da creatividade aplicada á innovación dos procesos e produtos; nesta edición presentáronse 25 iniciativas. Na segunda fase do certame que se celebra por segundo ano consecutivo foron distinguidas ás iniciativas “Trasancos Seaweeds”, de Antón Vázquez Varela; e a iniciativa relativa á creación dunha empresa de reutilización de tecnoloxía, de Daixma, S.L.; estas iniciativas recibirán 2.000 euros cada unha.
 
Segundo a resolución publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, tamén foron distinguidas na primeira fase outras catro iniciativas: o proxecto ALA, de Santiago Nieto Mengotti; unha iniciativa  de Alberto Pico sobre calefacción distribuída, para edificacións con cero emisións de CO2; a creación dunha sociedade cooperativa sidreira en Ortegal, proposta da Asociación Galega de Economía; e a iniciativa presentada por José Luis Vérez (HCV Ultramar) para a fabricación e comercialización dun dispositivo para a medida de parámetros anatómicos en animais de compañía; estas iniciativas recibirán, en cada caso, mil euros.
 
Os premios ás iniciativas de creatividade aplicada constitúen unha actuación singular impulsada ao amparo do convenio asinado polo Igape, as tres universidades galegas e a Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF); un convenio que procura, mediante un esforzo coordinado e conxunto, elevar o nivel socioeconómico, cultural, formativo e tecnolóxico das comarcas de Ferrolterra mediante a dinamización da creatividade persoal e a relación científica e tecnolóxica entre as institucións educativas, os centros tecnolóxicos e as empresas produtivas.
 
Segundo as bases da convocatoria publicada o pasado 17 de marzo no Diario Oficial de Galicia, o certame está orientado a premiar iniciativas ou propostas creativas que poidan conducir a un novo produto ou servizo, á mellora dos existentes, á implantación de novos proxectos e ao aumento da capacidade competitiva das empresas, do capital humano e do territorio. As actuacións amparadas neste marco deberán incidir directamente dentro do Plan de desenvolvemento integral das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, sen que iso exclúa que poidan beneficiar tamén a outros territorios ou ao conxunto da sociedade.
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design