A FSC aproba a creación dunha sociedade de investimento cun fondo inicial de 100 millóns de euros PDF
O padroado da Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento (FSC) aprobou hoxe a creación dunha sociedade de investimento cun volume inicial de 100 millóns de euros que se destinará á captación e promoción de proxectos empresariais estratéxicos para a economía galega.
 
Santiago, 20 de xuño de 2007.- O máximo órgano de decisión da Fundación, que preside o titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, reuniuse hoxe en Santiago e acordou impulsar este instrumento financeiro que fixará como prioridade aqueles proxectos de alto valor engadido e proxección no ámbito da sociedade do coñecemento. Presentado ao padroado polo responsable do comité de área de Novos Negocios e Emprendedores, Manuel Jove Capellán, no fondo participarán empresarios, investidores e entidades financeiras e constituirá un potente instrumento galego para o fomento de iniciativas innovadoras no ámbito empresarial. A participación máxima de cada partícipe individual non será superior ao 20%, e a súa constitución formal realizarase antes do verán.

O padroado da FSC aprobou tamén un conxunto de medidas orientadas a impulsar o modelo da triple hélice galega –empresas, universidades, e Administración– co obxectivo de avanzar na consecución dun modelo de desenvolvemento rápido e sostible baseado na sociedade do coñecemento. O padroado analizou tamén as actividades desenvolvidas no primeiro semestre do ano pola Fundación e aprobou as propostas do consello reitor para desenvolver. Ademais, aprobou a introdución dalgunhas modificacións estatutarias para a mellor consecución dos obxectivos da Fundación.

Entre as medidas adoptadas, o padroado acordou a realización dunha análise da competitividade do tecido produtivo, tarefa que será desenvolvida mediante un grupo de traballo que integrará á escola de negocios suíza International Institute for Management Development (IMD), á Escola de Negocios Caixanova, ao Centro de Investigación Económica e Financeira (Cief) de Caixa Galicia; ao Instituto de Estudios Económicos de Galicia Pedro Barrié de la Maza, e ás tres universidades Galegas.

Modificación dos estatutos e outros acordos

O máximo órgano reitor da Fundación tamén acordou a modificación dos estatutos co fin de acadar melloras na composición da mesma. Así, aprobouse o nomeamento de Manuel Jove e Javier Riera como membros de honra, e ratificouse a este último como Vicepresidente Executivo da Fundación..

No seu repaso ás actividades desenvolvidas no primeiro semestre, os membros do padroado tamén adoptaron os seguintes acordos:

– Constitución dunha Agrupación de Empresas Innovadoras (AEI) de Enerxías Renovables e Xestión de Residuos. Mediante a figura das AEIs promoverase en Galicia a creación e consolidación de clústers empresariais e a elaboración de proxectos para acceder a fondos tecnolóxicos europeos.

– Ampliación dos grupos de traballo nas distintas áreas, sobre a base e perspectiva da ‘triple hélice’ (empresas, universidades, Administración).

– Impulsar a creación dun Centro Galego de Aforro, Eficiencia Enerxética e Sostenibilidade Medioambiental.

A ferramenta da triple hélice galega

A Fundación Galega para a Sociedade do Coñecemento ten por obxecto o impulso, promoción e coordinación de actividades para a mellora da competitividade das empresas galegas e a súa internacionalización; a análise de novos proxectos de investimento; a extensión e implantación de novas tecnoloxías; o desenvolvemento da sociedade da información e o impulso das redes de coñecemento e cooperación.

As empresas e institucións fundadoras son PSA Peugeot Citroën, Inditex, Unión Fenosa, Coren, Pescanova, Finsa, Fadesa; as entidades financeiras Caixa Galicia, Caixanova, Banco Pastor; as universidades de Santiago, Vigo e A Coruña e a Administración galega.

A presidencia do padroado da Fundación recae no Presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño; mentres que as vicepresidencias corresponden ao conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio e aos representantes de PSA Peugeot Citroën, Banco Pastor e Universidade de Santiago.
Última actualización ( 03/07/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design