| A garderia Bamban, creada co apoio do Igape, oferta coidados e formación básica aos máis cativos |
|
|
Santiago, 22 de setembro de 2006.- A Gardería Infantil Bambán leva catro anos funcionando na cidade de Lugo. Patricia López Vázquez e Teresa Meilán Méndez son as súas promotoras, que contaron cun microcrédito, concedido a través do Igape, para o financiamento da súa iniciativa empresarial. Aseguran que, polo momento, o seu proxecto vai de marabilla e que, na actualidade, teñen cuberta a totalidade de prazas ofertadas. Bambán é unha gardería para nenos de 0 a 3 anos que conta cunhas excelentes instalacións e que ofrece servizo de comedor, ademais dunha ampla zona de xardín. Patricia e Teresa, xunto cas outras cinco persoas empregadas no centro, adícanse á asistencia aos nenos proporcionándolles coidados, hixiene e alimentación, ademais de educalos, explica Teresa. Trátase de que os nenos aprendan a relacionarse entre eles e a saber compartir cos demais, de ensinar conceptos básicos e levar a cabo un desenvolvemento integral físico e emocional. Unha zona nova para situarse
Tanto Teresa como Patricia son mestras en Educación Infantil. A idea de levar a cabo o proxecto de creación dunha gardería xurdiu porque non había demasiadas expectativas de traballo no que nos gustaba, apunta Teresa. Decidiron entón que para que ían a traballar para outros podendo poñer en marcha o seu propio centro de ensino. A Estrada da Granxa, na zona de Augas Férreas, foi o lugar elixido para situarse. Tratábase dunha zona nova que estaba cerca do campus e á que estaban a chegar un gran número de matrimonios novos que estaban formando as súas familias. En principio, Bambán instalouse alí pensando neles pero, co paso do tempo, á gardería acoden nenos de todas as partes da cidade e dos seus arredores. Gustaríanos abrir outra gardería en Lugo ou cerca, afirma Teresa. Estes son os plans de futuro das promotoras de Bambán que, polo momento, aínda non teñen decidido se ampliarán o marxe de idade dos alumnos porque din que é un proxecto a longo prazo. Dificultades para poñer en marcha o negocio As maiores dificultades que atoparon durante o proceso de constitución da empresa foron as licencias e o financiamento. Patricia e Teresa contaron coa axuda dos viveiros de empresas da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo. A través dela coñeceron as axudas que o Igape proporciona aos empresarios e solicitaron a concesión dun microcrédito. Ademáis, tiveron a oportunidade de recibir asesoramento tanto por parte da CEL como do Igape, en todos os pasos necesarios para botar a andar o seu proxecto educativo. A todos aqueles que queiran emprender unha iniciativa empresarial como o fixeron elas, recoméndanlles que teñan claro o que queren facer e que busquen expertos que os poidan asesorar e que lles encaucen o camiño facéndollo máis fácil. Recoñecen que, de non ser polo asesoramento e a axuda que recibiron por parte dos anteriores organismos, quizais houbesen abandonado o proxecto a medio camiño. |
|
| Última actualización ( 30/11/2006 ) |


A gardería infantil Bambán acolle a nenos de 0 a 3 anos e conta con servizo de comedor, ademais dun amplo xardín. A día de hoxe, Bambán ten cubertas todas as prazas ofertadas