| A granxa escola El Kiriko promove un xeito de recuperar e aprender a cultura rural |
|
|
A empresa, que dá emprego a vinteún traballadores en tempada alta, contou co apoio e co asesoramento do programa Emprendedores do Igape.
A iniciativa tenta xunguir dúas perspectivas que xa estaban presentes nos primeiros tempos da empresa, a través da orientación laboral dos catro socios iniciais, dous matrimonios novos. Dunha banda había unha clara aposta polo medio ambiente, o eido afín a Lucrecia e á súa parella, e da outra estaba a educación, a especialidade do outro matrimonio que, segundo avanzaba o proxecto, preferiu retirarse. A primeira fase foi explorar o mercado, visitando algunhas granxas escolas e centros de educación ambiental que xa coñecían en Madrid, e poñéndose en contacto con promotores doutras áreas do estado. Toda esta información chegáballes ao comezo a través dunha consultora. Tempo despois, procurando axudas económicas, coñeceron o Igape, e beneficiáronse do servizo de asesoramento personalizado dos seus técnicos. A maior dificuldade que deberon superar, á marxe do financiamento, foi atopar a ubicación máis axeitada para o seu negocio. Ao longo de dous anos procuraron un espazo rural con bos accesos por estrada, non moi arredado das vías de comunicación principais, e onde puideran unificar un terreo cunha extensión ideal duns 50.000 m2. Comezaron tratando directamente con particulares, pero cando localizaban unha leira resultáballes case que imposíbel contactar con todos os seus propietarios, en parte porque ás veces moitos deles eran emigrantes que levaban anos fóra. Para solucionar ese problema o seguinte paso foi contactar cos concellos, para que lles indicasen a disponibilidade de solo no seu territorio. Non foi ate 2003 cando coñeceron o concello de Fornelos de Montes, no sudeste da provincia de Pontevedra, onde había un terreo con ate trinta e dous propietarios, a metade deles emigrados. Entre febreiro e marzo dese mesmo ano comezan cos trámites burocráticos para mercar os primeiros metros cadrados, financiados con axudas do propio concello e tamén cun préstamo dalgunha entidade financeira. En outubro dese mesmo 2003 xa estaban traballando nas obras das instalacións, principalmente nun edificio de 1.850 m2, con capacidade para 150 persoas ao día (110 delas a pensión completa), e tamén avanzaron co proceso de selección de traballadores, un elenco que chegaría a sumar ate vinteúnha persoas durante as futuras tempadas altas, entre os meses de marzo e outubro. Todo este proceso rematou en xuño de 2004, cando a Granxa Escola El Kiriko abriu as súa portas, coa visita asegurada duns trescentos nenos para ese mesmo verán a través dun convenio cunha entidade financeira. Unha vez que a granxa estaba funcionando tiveron que asimilar o concepto e o ritmo do seu negocio. Custoulles. As primeiras contabilidades resultaron bastante difíciles, as contas tardaban en cadrar, as súas previsións íanse cumprindo con lentitude e retraso. Se cadra El Kiriko tiña unhas tarifas lixeiramente máis elevadas que as que se ofrecían no mercado. A realidade non é tan fermosa como cha presentan os consultores, explica Lucrecia García. Na súa opinión, os prezos do sector estaban estancados, máis baixos do que sería necesario para sufragar un servizo de calidade como o que eles aspiran a dar. O programa de actividades que presenta El Kiriko aséntase sobre tres pilares. Dunha banda, durante o curso escolar, entre setembro e xuño, traballan con colexios e centros educativos, tanto de educación infantil como de primaria e mesmo de secundaria. Logo, teñen un programa de fins de semana abertos para que participen adultos, sexa en grupos familiares ou en grupos de amigos. Por último, durante os meses de verán, funcionan a xeito de campamento. O primeiro deses casos, os programas escolares, ten como obxectivo sacar aos cativos das aulas, darlles as clases no exterior, e representa unha boa parte da actividade de El Kiriko. O traballo nesta dirección permitiulles crear unha carteira de clientes fieis, colexios que repiten a súa estadía dun ano para outro. O trato personalizado serve para coñecer as preferencias de cada centro e atender mellor as súas demandas, como poden ser adaptar os programas ao nivel educativo correspondente ou preparar saídas para o comezo de curso, de xeito que alumnos e profesores se vaian coñecendo nun entorno aberto, favorábel. Os programas de fin de semana abertos para adultos, unha incógnita ao comezo, están tendo unha acollida excelente, tendo en conta que eran unha iniciativa novidosa dentro do rural galego. A clave do éxito está no concepto de turismo rural familiar, no que pais e fillos comparten actividades, e que tamén permite realizar aos pais determinadas actividades sabendo que seus fillos están ben atendidos. O programa da primavera pasada incluía cursos de iniciación ao folclore tradicional, horticultura biolóxica básica e interpretación ambiental. O público de El Kiriko responde a un perfil bastante heteroxeneo. Vai xente tanto do ámbito urbano como do medio rural, colexios públicos e colexios privados, e mesmo recibiron a visita dunha escola unitaria rural. Como curiosidade, sorpréndelles recibir tantas visitas de centros educativos ourensáns, da cidade e da provincia, mesmo en maior cantidade e con maior frecuencia que os da provincia de Pontevedra. Unha posíbel explicación sería a ausencia doutras granxas escolas na provincia de Ourense. O seu seguinte paso será consolidar a oferta educativa xa existente para ceibarse da presión económica. Queren fortalecer e diversificar as súas actividades, para crear unha oferta vencellada a cada estación, de xeito que as visitas non só se reduzan á primavera, senón que se poidan amplíen ao outono e ao inverno. Teñen outras ideas, moitas, pero aínda son un segredo profesional. |
|
| Última actualización ( 30/11/2006 ) |


Santiago, 17 de agosto de 2006. Hai cinco anos, en 2001, a veterinaria Lucrecia García andaba á procura dunha saída laboral que lle permitise combinar tres intereses vocacionais: primeiro a súa profesión, a veterinaria, despois a posibilidade de vivir e traballar no mundo rural, e por último a opción de traballar con e para nenos. Destas tres coordenadas xurdiu o proxecto de autoemprego dunha granxa escola, materializado no verán de 2004 coa apertura en Fornelos de Montes (Pontevedra) da granxa El Kiriko. Un proxecto empresarial que aspira a converterse nun proxecto vital. 