A presentación de proxectos ao abeiro do programa Innoempresa está aberta ata o próximo día 16 PDF
O Programa promoverá o desenvolvemento de iniciativas orientadas a impulsar a innovación e a competitividade das pemes galegas nos ámbitos tecnolóxico, organizativo ou de xestión empresarial. O prazo para a presentación de solicitudes, que se resolverán por concorrencia competitiva, rematará o vindeiro 16 de xullo.
 
Santiago, 10 de xullo de 2007.- Apoiar a innovación  e a competitividade das pemes galegas mediante a realización de proxectos, tanto individuais como colectivos, nos ámbitos tecnolóxico, organizativo e de xestión; este é o obxectivo fundamental do Programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas (Programa Innoempresa) . As subvencións concedidas no marco deste programa poden cubrir ata o 45% dos investimentos e ata o 50% dos gastos vinculados aos proxectos aprobados. As empresas e organismos intermedios interesados poden presentar as súas solicitudes ata o próximo 16 de xullo de 2007, segundo o previsto nas bases publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 21 de maio. As axudas resolveranse polo sistema de concorrencia competitiva.
 
No ámbito deste programa teñen especial importancia os proxectos de carácter colectivo, a partir do labor de impulso a desenvolver polos organismos intermedios que presten ás pemes,  de forma habitual, servizos  de apoio á innovación  e á modernización nas súas diversas formas.
 
Organización, eficiencia, loxística
 
Poden ser apoiables no ámbito do programa Innoempresa os proxectos de innovación en áreas como a organización da producción, a relación con provedores e clientes, os modelos de marqueting e comercialización, a xestión medioambiental, a eficiencia enerxética, a loxística ou a xestión de recursos humanos. Serán igualmente apoiables a elaboración de diagnósticos  de situación e a elaboración de plans estratéxicos, así como as iniciativas de deseño de produto.
 
No eido da innovación tecnolóxica e de calidade, o Igape apoiará no marco do Programa Innoempresa plans de mellora tecnolóxica mediante o asesoramento a empresas a través da utilización de centros tecnolóxicos ou de consultoras especializadas; a través de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico impulsados por pemes; e mediante iniciativas de implantación e certificación de normas tecnolóxicas, de xestión medioambiental e de calidade.
 
Innovación en colaboración
 
O programa Innoempresa apoiará igualmente inciativas de innovación desenvolvidas en colaboración, a través de proxectos integrados de grupos de empresas para implantación conxunta nunha cadea de valor, mediante proxectos de identificación de necesidades tecnolóxicas, ou a través do desenvolvemento de solucións comúns e utilización de servizos avanzados compartidos para grupos de pemes.
 
O programa Innoempresa está regulado a nivel estatal polo Real Decreto 1579/2006, publicado no BOE o 2 de febreiro de 2007, onde se establece o réxime de axudas e o sistema de xestión do programa, que se encomenda ao Igape en Galicia. O financiamento  das axudas concedidas neste ámbito conta con recursos económicos procedentes do Feder.
Última actualización ( 20/07/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design