| A promoción do territorio, do turismo e dos produtos galegos centrou o Día de Galicia en Xapón |
|
|
A celebración desenvolveuse no Instituto Cervantes de Tokio, organizada polo Igape a través do seu Centro de Promoción de Negocios en Xapón. Incluíu exposicións, relatorios, coloquios, obradoiros e a degustación de produtos galegos. A promoción do Camiño de Santiago e do Xacobeo 2010 foi un dos elementos de referencia.
Santiago, 18 de decembro de 2009.-Promocionar o territorio da comunidade autónoma como lugar de acollida de investimentos ou visitantes e promocionar os produtos, tanto comerciais como culturais, e o turismo de Galicicia foron os principais obxectivos que moveron a Consellería de Economía e Industria a impulsar a celebración do Día de Galicia en Xapón, que se desenvolveu durante a xornada de onte, 17 de decembro, na sede do Instituto Cervantes en Tokio.
Con esta iniciativa inténtase avanzar no coñecemento de Galicia en Xapón, divulgando os seus trazos máis identificativos para intensificar, a partir diso, a penetración dos produtos galegos nese mercado. Doutra banda, o encontro tamén tivo como obxectivo o de manter e consolidar contactos continuados nas relacións empresariais, a fin de estreitar os lazos e facilitar o alcance dos obxectivos marcados. Isto é particularmente relevante en Xapón, e por iso ten especial importancia o mantemento de estratexias baseadas en accións continuadas no tempo.
A celebración do Día de Galicia estivo centrada este ano no inminente comezo do Xacobeo 2010, para o que se contou cunha exposición de fotografía sobre o Camino de Santiago e cun relatorio sobre os atractivos paisaxísticos, culturais e gastronómicos da rota Xacobea impartido por Mitsuko Nakaya, guía turística e autora dun libro sobre o Camiño de Santiago. A continuación houbo un coloquio en torno ao tema O camiño visto por un reporteiro gráfico, co fotógrafo do diario Nikkei Kentei Arashida, e no que participou a presidenta da Asociación Xaponesa de Amigos do Camiño de Santiago, Tomoko Morioka.
O Día de Galicia en Xapón incluíu ademais unha obradoiro de produtos turísticos do Camiño de Santiago e unha mostra de producións editoriais e audiovisuais sobre Galicia. Participaron neste evento seis axencias de viaxes; a Asociación Xaponesa de Amigos do Camiño; unha editorial de libros sobre o Camiño e unha distribuidora de música galega e celta.
A conmemoración do Día de Galicia en Xapón incluíu, por outra banda, un cóctel-recepción cun menú degustación configurado exclusivamente a base de pratos e produtos típicos de Galicia, incluíndo queixos, conservas de peixe e marisco, viños, cervexa, torta de Santiago ou marrón glacé, entre outros. Para a organización do Día de Galicia en Xapón 2009, o Igape contou coa colaboración da S.A. Xestión do Plan Xacobeo e de Turgalicia, que achegaron material de promoción que se proxectou e expuxo durante a celebración do encontro. Tamén colaboraron na difusión deste evento a Oficina Española de Turismo (Turespaña) en Tokio, e o Instituto Cervantes de Tokio. A embaixada de España en Tokio apoiou o acto, e o embaixador, Miguel A. Carriedo Mompín aproveitou a súa intervención para convidar a visitar Galicia e Santiago a aqueles que aínda non o fixeran, au tempo que animou a que repitan a experiencia os que xa fixeran o Camino, dado que, dixo, en cada ocasión se descubren cousas novas. En total, asistiron aos actos unhas 150 persoas.
O evento deste ano foi de especial interese ao ter como asunto central o Camiño de Santiago, xusto no momento en que Galicia se prepara para comezar coa celebración do Ano Xacobeo, que é motivo de atención e atracción para unha boa mostra de xaponeses. |
|
| Última actualización ( 27/12/2009 ) |


