A SLNE foi a forma xuridica escollida para a constitucion, a traves do Igape, de Integras Santiago PDF

A nova empresa está especializada en servizos profesionais e de xestión económica

Santiago, 13 de outubro de 2006.- Tres mozos avogados composteláns, sen experiencia empresarial previa, puxeron en marcha a súa propia empresa de servizos profesionais a través do Igape escolmando a forma xurídica da Sociedade Limitada de Nova Empresa para a súa constitución. Os tres socios tiñan claro nun principio o seu proxecto, mais ao ser a súa primeira iniciativa empresarial decidiron asesorarse nas oficinas do Igape para ver qué forma xurídica se axeitaba máis ás características e necesidades da súa actividade. Segundo indica Lisardo Núñez, que xunto con Carolina Guerra e Silvia Míguez dirixe a empresa, “a pesar de ter oído falar da existencia da SLNE con anterioridade, en principio nós tiñamos a idea de formar unha SL convencional, mais ao coñecer as facilidades que nos ofrecía a SLNE e ver que era compatible coa nosa actividade, decidímonos por esta última opción”.

A constitución en SLNE tiña varias vantaxes para os mozos emprendedores. A principal é a simplificación dos trámites para a posta en marcha da empresa, ademais de dispor dun rexime fiscal simplificado e de bonificacións fiscais. Dende o momento en que os novos empresarios se presentaron nas oficinas do Igape, a través dos seus Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT), até que inscribiron Integras Santiago SLNE no Rexistro Mercantil, o único trámite necesario foi a formalización da empresa perante notario. A empresa puido funcionar con normalidade dende ese intre, a través dun documento que funcionou a xeito de resgardo, aínda cando “tardou case un mes en constituirse oficialmente tras a presentación da documentación no rexistro mercantil n’A Coruña”, afirma Lisardo Núñez.

Integras Santiago SLNE, establecida na rúa compostelá Frei Rosendo Salvado, ofrece un ampla gama de servizos profesionais e xestión económica. O equipo fórmano os tres avogados socios da empresa especializados en diferentes actividades de índole xurídica: servizo de protección de datos, xestión de subvencións, control de calidade, gabinete xurídico. servizos de prevención e xestión de datos etc.

De cara ao futuro os membros de Integras Santiago SLNE non teñen pensado, nun principio, mudar de natureza xurídica pois a SLNE abrangue todas as actividades que ofrece a empresa ao público.   

Utilidades das SLNE

En Galicia é posible a tramitación a Sociedade Limitada de Nova Empresa por vía telemática dende 2004, co obxectivo de facilitar a constitución de empresas a mozos emprendedores. A través dos por 7 Puntos de Asesoramento e Inicio de Tramitación (PAIT) dos que dispón o Igape en toda Galicia, facilitouse a tramitación para a constitución de 436 empresas por vía telemática.

A tramitación impulsada dende o Igape axiliza o proceso e evita moitos trámites aos emprendedores. Deste xeito, dende o momento en que os promotores acoden ao notario até quedaren constituídas as súas empresas pasan por termo medio só 1,41 días hábiles.

O 91,7% das empresas constituidas en Galicia ao abeiro da SLNE foron tramitadas desde os PAIT do Igape. Dentro do Estado, Galicia é a segunda Comunidade Autónoma no que se constitúen maior número de SLNE, por detrás de Madrid, representando o 23% do total.

Última actualización ( 30/01/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design