A Xunta apoiará a implantación do proxecto de biomasa que Abengoa vai desenvolver en Galicia PDF

ImageO titular da Xunta, Emilio Pérez Touriño, expresou o apoio da Xunta á implantación dunha nova iniciativa que o grupo Abengoa prevé desenvolver en Galicia. Foi durante o encontro que mantivo con Felipe Benjumea, responsable do grupo, quen lle presentou este proxecto. O grupo prevé implantar en Curtis e en Sogama un sistema pioneiro que constitúe a primeira planta no mundo de produción combinada de enerxía eléctrica e biocarburante. A iniciativa, na que participará Xesgalicia, contará cun investimento próximo aos 100 millóns de euros e suporá a creación de entre 18 e 35 empregos directos e entre 145 e 280 indirectos.

Santiago, 3 de abril de 2007.- O titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, manifestou hoxe o apoio da Xunta ao proxecto de valorización de biomasa forestal mediante gasificación que o grupo Abengoa ten pensado implantar na comunidade galega, da man de XesGalicia. Así llo transmitiu Pérez Touriño ao presidente desta sociedade industrial e de tecnoloxía, Felipe Benjumea, durante a xuntanza que mantiveron esta mañá na residencia oficial de Monte Pío. No encontro, o xefe do Executivo autonómico manifestoulle a máxima colaboración do Goberno que preside para o desenvolvemento e implantación na comunidade desta iniciativa.
 Segundo lle expuxo Felipe Benjumea a Pérez Touriño, o proxecto, que se desenvolverá en Curtis e en Sogama, pasa pola produción de bioetanol “de segunda xeración”, a partir de biomasa mediante gasificación e síntese química, que representa a mellor alternativa actual para a valorización da biomasa forestal.
 No encontro, o máximo mandatario autonómico manifestoulle ao presidente de Abengoa o interese do Goberno polo proxecto, dado que os biocarburantes de segunda xeración constitúen obxectivos prioritarios para a estratexia de investigación. De aí o compromiso acadado de prestar a máxima colaboración á factoría na procura de axudas, subvencións e incentivos de I+D, a través dos distintos instrumentos financeiros e organismos administrativos da Xunta de Galicia.
 Primeira planta no mundo
Deste xeito, o proxecto presentado por Abengoa permitirá que Galicia acolla a primeira planta de produción combinada de enerxía eléctrica e biocarburante no mundo, o que supón unha estratexia pioneira na valorización da biomasa pola súa capacidade e innovación. Emilio Pérez Touriño manifestoulle a Felipe Benjumea o interese da Xunta neste proxecto, por canto poderá achegar beneficios non só na redución da emisión de CO² fósil de 2.000 millóns de t/ano; na valorización de 87.500 toneladas de biomasa forestal ao ano; na prevención de incendios; na creación de emprego e na presenza dunha planta de tecnoloxía que será referente mundial nas tecnoloxías de produción de carburantes, senón tamén porque suporá a oportunidade de que centros de investigación de Galicia participen no desenvolvemento do proxecto piloto e, no caso de éxito da tecnoloxía, as expectativas para valorizar a biomasa respecto a capacidades e valores engadidos serán tamén moito maiores.
ImageNeste novo proxecto na comunidade galega, Abengoa ten previsto investir entre 85 e 100 millóns de euros. A iniciativa suporá a creación de entre 18 e 35 empregos directos e entre 145 e 280 empregos indirectos e permitiralle a Galicia ser referente mundial nas tecnoloxías de produción de carburantes.
Historia de Abengoa
 Abengoa é unha sociedade industrial e de tecnoloxía presente en máis de 70 países que conta cun grupo formado por 302 sociedades: a propia sociedade dominante, 273 sociedades dependentes, 26 asociadas e 2 de negocios conxuntos.
 Abengoa S.A., a sociedade dominante do grupo, foi constituída en Sevilla en xaneiro de 1941. A empresa organízase en cinco grupos de negocio: Abengoa Bioenergía, Solúcar Energía, Befesa, Telvent e Abeinsa, e unha Área Corporativa. Abengoa Bioenergía é o grupo de negocio encargado de desenvolver e producir biocarburantes para o transporte, destacando o bioetanol e o biodiésel que empregan a biomasa como materia prima. Dentro desta área de negocio encádrase Bioetanol Galicia, S.A., situada no concello coruñés de Curtis. En materia de bioetanol, Abengoa é actualmente o segundo produtor mundial.
 Participantes na xuntanza
 Na reunión mantida esta mañá na residencia oficial de Monte Pío participaron, ademais do titular do Goberno galego, Emilio Pérez Touriño, e do presidente de Abengoa, Felipe Benjumea, o conselleiro de Economía, José Ramón Fernández Antonio; o director de XesGalicia, Álvaro Álvarez Blázquez; José Terceiro, conselleiro de Abengoa; e Antonio Vallespir de Gregorio, director xeral de Abengoa.
Última actualización ( 28/05/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design