| A Xunta fai balance do Plan Ferrol, que apoiou investimentos por máis de 155 millóns de € en 2011 |
|
|
O Conselleiro de Economía e Industria destaca que o Plan Ferrol arrincará en 2012 cunha nova etapa, despois de dous anos nos que se cumpriron os obxectivos. Javier Guerra resalta que en 2011 se aprobaron máis de 300 proxectos, o que supón que foran concedidos 67 millóns de euros en axudas. O conselleiro sinala que os investimentos mobilizados neste exercicio, ao abeiro do Plan Ferrol, xeraron máis de 350 empregos industriais, e lembra que a ampliación da vixencia do Plan dous anos máis até 2013, mostra o compromiso do Goberno da Xunta co desenvolvemento de Ferrol, Eume e Ortegal.
Ferrol, 22 de decembro de 2011.- O Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, participou hoxe nunha nova reunión da comisión de seguimento do Plan Ferrol, na que se fixo balance das principais actuacións levadas a cabo ao abeiro do programa neste ano, no que se levan apoiado investimentos por máis de 155 millóns de euros.
Javier Guerra apuntou que o Plan Ferrol arrincará en 2012 unha nova etapa, despois de dous anos nos que se cumpriron os obxectivos e destacou o esforzo da Consellería para facer do Plan Ferrol un instrumento dinamizador da economía, eficaz para apoiar con axudas de especial intensidade as boas ideas e os proxectos solventes.
O conselleiro, que fixo balance do Plan, resaltou que no 2011 aprobáronse axudas para máis de 300 proxectos, cunha mobilización de investimentos superior aos 155 millóns de euros, o que supón que foron concedidos 67 millóns de euros en axudas. Guerra engadiu que o mantemento e a xeración de emprego é unha das prioridades desta iniciativa e destacou que os investimentos mobilizados neste exercicio, ao abeiro do Plan Ferrol, xeraron máis de 350 empregos industriais.
Neste sentido, Javier Guerra quixo subliñar que o obxectivo do Goberno galego é que as comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal constitúan un lugar preferente para investir e crear emprego e lembrou que a ampliación da vixencia do Plan dous anos máis até 2013, aprobada polo Consello da Xunta o pasado mes de marzo, é una mostra do compromiso do Executivo galego co desenvolvemento destas comarcas.
Apoio ao Naval
Por outra banda, Javier Guerra tamén trasladou o apoio da Xunta ao sector naval galego e especialmente ao desenvolvemento desta actividade en Ferrol. Guerra explicou que o Goberno de Galicia ten claro que o centro de reparacións navais é unha necesidade para a comarca e engadiu que e o Executivo autonómico foi o único que plantexou o estudo técnico e o estudo económico de viabilidade deste proxecto.
Guerra insistiu en que a Xunta continuará a traballar a prol desta iniciativa e trasladará ao novo Goberno de España a necesidade de que a SEPI e Navantia se impliquen activamente no financiamento do mesmo. Neste sentido, lamentou que até agora non teñan presentado ningunha alternativa de viabilidade, xa que a única que existe é a da Xunta de Galicia e lembrou que a Consellería que dirixe ten pedido unha reunión á SEPI, sen obter resposta.
Para concluír, o conselleiro lembrou que, a pesar da falta de apoio do anterior Goberno de España ao naval galego, o Goberno de Galicia foi o único que presentou propostas alternativas ao tax lease. Neste sentido, o titular de Economía e Industria sinalou que a Xunta xa trasladou a Madrid a importancia do sector para a Comunidade e remarcou que o presidente sabe perfectamente que o naval é unha prioridade para o Goberno de Galicia. |


