Aberta a oficina xestora do proxecto integral de desenvolvemento de Ferrol, Eume e Ortegal PDF

A oficina atópase ubicada no Edificio de Usos Múltiples da Xunta de Galicia en Ferrol con Casto Varela Gesto a seu fronte. O proxecto prevé mobilizar un investimento global de 3.000 millóns de euros ata o ano 2011 e a creación de 4.400 postos de traballo. O Plan prioriza a diversificación dos sectores produtivos, completar as infraestruturas e impulsar a tecnificación e formación do capital humano. Na primera reunión de traballo celebrada o pasado martes, concretáronse unha ducia de actuacións do plan de acción

 

ImageFerrol, 30 de marzo de 2007.- O Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE), dependente da Consellería de Economía e Facenda, abriu hoxe a oficina xestora do Proxecto Integral de Desenvolvemento das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal. A oficina atópase ubicada no Edificio de Usos Múltiples da Xunta de Galicia en Ferrol e ao fronte para a súa posta en marcha está o directivo do Igape, Casto Varela Gesto. Coa apertura da oficina dáse un paso máis no plan de acción do proxecto que foi presentado publicamente en Ferrol o pasado 12 de marzo polo presidente da Xunta e o conselleiro de Economía e Facenda.
 
O consello de dirección do Igape, baixo a presidencia do conselleiro de Economía e Facenda, e no que tamén participan os conselleiros de Innovación e Industria, Medio Ambiente, Medio Rural, Pesca e Política Territorial será o encargado do seguimento e impulso do Plan de desenvolvemento para a comarca de Ferrolterra. A Asociación Impulsora do Plan Ferrol, que integra a sindicatos, organizacións de empresarios e Cámara de comercio, actuará como comité asesor no desenvolvemento do plan.
 
Plan Ferrol
 
O Proxecto de Desenvolvemento Integral das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal 2007-2011 prevé mobilizar un investimento global de 3.000 millóns de euros, dos que 1.163 serán fondos públicos. O obxectivo primordial é impulsar o cambio da situación socioeconómica destas comarcas cunha estratexia que permita acadar un desenvolvemento rápido e sostido que supoña un crecemento acumulado ata 2011 do 16%, cunha creación de 4.400 postos de traballo.
 
Entre as iniciativas para impulsar o desenvolvemento económico da zona, o proxecto inclúe sete relativas a sectores soporte –como o naval e a industria auxiliar-; sectores motor –eólico, turístico, e loxístico-; e sectores de futuro –enerxías renovables-. Ademais, recóllense medidas transversais no ámbito da dotación de solo industrial, da mellora das infraestruturas, e do fomento do I+D+i. En definitiva, o proxecto aposta pola visión integral das actuacións, o establecemento de prioridades e a coordinación de iniciativas, co obxectivo de abordar unha estratexia de diversificación produtiva, formación e tecnificación dos recursos humanos e aproveitamento das vantaxes competitivas da comarca de Ferrolterra.
 
O pasado martes, celebrouse en Santiago unha reunión de traballo coa Asociación Impulsora do Plan Ferrol na que se analizaron e comprometeron as actuacións do plan de acción do proxecto no que se reflicten as iniciativas, as datas, os reponsables e os indicadores de seguimento. En concreto, abordáronse once actuacións:
 
  • Análise doutros usos do solo industrial dispoñible en Fene pola liberación de espazos para usos de industrias como a eólica ou a maremotriz.
  • Apoio a través do clúster á industria auxiliar do naval para lograr unha maior diversificación e tecnificación.
  • Constitución dun clúster eólico con sede nas comarcas e coordinación co clúster do naval
  • Definición dun Plan Turístico para as comarcas que inclúa a creación dunha imaxe de marca específica e a súa promoción 
  • Definición dun plan de Ordenación Territorial para o desenvolvemento sostible e ordenado do turismo
  • Creación do Centro Tecnolóxico do Naval con sede no CIS de A Cabana
  • Asegurar un nivel de carga de traballo axeitado ás instalacións da Ría de Ferrol
  • Seguimento de infraestruturas claves para o porto exterior
  • Selección de iconos turísticos e instalacións hosteleiras singulares
  • Atracción de investimentos de proxectos chave en enerxías renovables como os biocombustibles e a biomasa
  • Captación de tráficos para o porto
 
A estas once iniciativas, e a proposta da Asociación Impulsora, engadiuse a da formalización dun Pacto polo Emprego na comarca.
Última actualización ( 28/05/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design