AJE Marineda fomenta a competitividade das empresas asociadas mediante unha plataforma web PDF
A ferramenta promovida pola Asociación de Jóvenes Empresarios Marineda-A Coruña (AJE Marineda), apoiada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e  desenvolvida por Nova Consultores, concíbese como un espazo para difundir e compartir información, pero tamén como un instrumento para ofrecer servizos ou produtos, e para realizar negocios en rede.
 
A Coruña,  19 de outubro de 2007.- Teñen menos de 40 anos, unha idea, vocación emprendedora e unha inquietude por aplicar e beneficiarse das vantaxes que lles ofrecen as novas tecnoloxías. “Nacimos con elas”, explica Daniel Ramos Lobón, presidente da Asociación de Jóvenes Empresarios Marineda-A Coruña (AJE Marineda).
 
Esa percepción de que as TIC son un valioso instrumento animou á directiva que comanda Daniel Ramos a ofrecer aos seus asociados algo máis que a típica páxina web. A idea parte da concepción da rede como un espazo apto para ofrecer servizos e produtos, compartir información ou realizar negocios. Para plasmala, AJE Marineda púxose en contacto con Nova Consultores, que operou como socio tecnolóxico na posta en marcha do proxecto e achegou a súa experiencia en iniciativas similares realizadas para outras asociacións de empresarios.
 
Image“Cando principiamos a traballar xuntos -lembra Javier Cobas, director xerente de Nova- démonos conta de que querían dar servizos de valor aos seus asociados cun espazo que non só servise para almacenar e xestionar contidos senón tamén para dar ás empresas a posibilidade de presentar os seus produtos, os seus catálogos… en definitiva é a demostración de como Internet pode dar un teleservicio a un grupo de empresas sectorial ou, coma neste caso, multisectorial”.
 
Apoiado polo PCCP
Da man de Nova, AJE Marineda logrou o apoio preciso para sacar adiante o proxecto. Atoparon financiamento no marco do Plan de Consolidación e Competitividade da Peme que xestiona o Igape en Galicia e en apenas catro meses desenvolveron a ferramenta e presentáronlla aos asociados.
 
Polo camiño introducíronse algúns matices que atendían a necesidades concretas. Así, xerouse unha zona de entrada privada na que as empresas asociadas a AJE Marineda tiñan acceso a unha sorte de consultor on-line, un espazo para consultar a técnicos da asociación dubidas ou problemáticas concretas sobre a súa actividade empresarial, ou a posibilidade de dispor dunha bolsa de emprego que cumpre a lexislación de protección de datos e impide que os currículos poidan estar a disposición de empresas que non os reciben.
 
Esa parte privada axuda a que empresas con similares intereses mantegan un contacto fluído, pero tamén é un útil instrumento de comunicación para un colectivo con máis dunha década de traxectoria e que en outubro de 2007 superaba os 110 asociados. “Sérvenos para dar a coñecer convocatorias, convenios ou cuestións financeiras de índole interno”, recalca Daniel Ramos antes de rescatar unha das utilidades que máis valora do portal: algunhas das empresas asociadas non estaban posicionadas en Internet. Da man de Nova xurdiu a posibilidade de vincular ás Axencias de Desenvolvemento Local co portal web e ofrecerlles a opción de integrar nel documentación e información que consideren de interese. “Trátase de profesionais que se moven moito, que manexan moitos proxectos de interese e que en ocasións teñen dificultades para transmitir á xente a información que manexan”, explica Javier Cobas.
 
Proxecto vivo
A plataforma web está operativa desde finais do pasado mes de xuño. Informan desde Nova Consultores que nela se encerra unha filosofía de entregar proxectos “chave en man”, que se partiu dunha idea que se desenvolveu a partir da procura de financiamento e que se aloxou o portal web nun servidor. Pero o proxecto segue latente. “Estamos a analizar as respostas das empresas e mirando onde entran e onde non, que é o que utilizan máis ou menos para que así podamos aproveitar mellor a ferramenta porque, ao estar desenvolvida en código aberto, podemos facer os cambios que creamos pertinentes”, asegura Daniel Ramos. Unha das opcións na que se traballa é a de ofrecer a asociados e visitantes a posibilidade de, mediante o formato RSS de sindicación de contidos, recibir de xeito puntual no correo electrónico calquera noticia ou información que xere a asociación.
 
Daniel Ramos ten claro que os empresarios que conforman AJE Marineda perciben todo este esforzo como unha mellora, pero que é fora do colectivo onde suscita un interese moi especial. “Cada pouco tempo recibo comentarios doutros empresarios ou de xente doutras asociacións que nos felicitan polo portal web. Creo que estamos a cumprir obxectivos como os de dar ás empresas un bo posicionamento na web e que ao tempo nos convertamos nunha referencia en temas de emprendemento”, explica Ramos.
Última actualización ( 17/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design