Álvaro Álvarez-Blázquez Fernández, novo director xeral do Igape PDF
Álvaro Álvarez-Blázquez Fernández é o novo director xeral do Igape, trala reorganización da área integrada polo Instituto, Xesgalicia e BIC Galicia, os organismos de promoción económica dependentes da Consellería de Economía e Facenda. No marco da mesma reorganización, o ata agora director xeral do Instituto, José Antonio Delgado Arce, faise cargo da dirección xeral de BIC Galicia.
 
Santiago, 29 de xuño de 2007.- Álvarez-Blázquez, que accedeu a dirección xeral de Xesgalicia a finais de 2005, naceu en Vigo en 1952. É licenciado en Ciencias Económicas e Empresariais pola Universidade de Santiago de Compostela, máster en Dirección e Administración de Empresas pola Universidad Politécnica de Madrid, e máster en Dirección Financeira pola Escola de Negocios Caixanova.
 
Álvaro Álvarez-Blázquez foi xefe comercial da área de empresas do Banco Atlántico en Vigo e adxunto á dirección do departamento financeiro da Sociedade para o Desenvolvemento Industrial de Galicia (Sodiga), onde traballou na elaboración de análises de empresas e estudos de viabilidade. Nesa etapa (1981-1984) foi tamén conselleiro en diferentes empresas participadas por Sodiga. Posteriormente desenvolveu a súa actividade como consultor independente e directivo de diversas empresas, ata a súa incorporación como socio director para Galicia de Unilco, consultora especializada en empresas familiares. Dende 2002 ata a súa incorporación en Xesgalicia ocupara a dirección xeral e comercial Campos e Rial.
 
José Antonio Delgado Arce, naceu en Ourense en 1956 e é Enxeñeiro Industrial pola Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Industriais da Politécnica de Madrid. Tamén licenciado en Ciencias Empresariais pola UNED, e ademais Inspector de Facenda do Estado. Entre os anos 1984 e 2000 desenvolveu a súa actividade profesional en distintos postos da Administración Pública, á que accedeu por oposición como Inspector de Facenda. Nesta ámbito desempeñou o seu traballo na delegación de Facenda de Ourense, para exercer máis tarde como Delegado de Facenda en Vigo e Delegado Especial da Administración Tributaria en Vigo e en Castela-León. Ademais, foi vocal no Consorcio de Zona Franca de Vigo e na Autoridad Portuaria da cidade olívica. Entre 1996 e 2000 foi Inspector Xefe da Delegación Especial da Axencia Tributaria en Galicia.
 
No ano 2000, José Antonio Delgado incorporouse á empresa privada como membro do equipo directivo da operadora de telecomunicacións de orixe galega Comunitel, onde exerceu como director de Desenvolvemento de Novos Negocios.
Última actualización ( 12/07/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design