Ampliado ata 14 millóns de € o financiamento para o re-Móvete, que xa concedeu 11 millóns en axudas PDF
O Instituto Galego de Promoción Económica apoiou ata o de agora 15.834 solicitudes para substitución de vehículos que suman, nos concesionarios galegos, unha facturación de 260 millóns de euros. Os apoios da Xunta superan nun 40% aos do Estado, e a axuda media concedida é de 702 euros, fronte a axuda lineal de 500 euros do Goberno central . Amplíase de 3 a 6 meses o prazo máximo entre a concesión das axudas e a solicitude de cobro polas entidades colaboradoras, que non terán así dificultades para atender operacións que se demoren máis do habitual por puntuais dificultades de aprovisionamento desde os fabricantes.
 
Santiago, 19 de setembro de 2009.- O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) vén de ampliar en 2 millóns de euros o financiamento destinado ao plan re-Móvete, impulsado pola Consellería de Economía e Industria para dinamizar o sector da automoción a través da promoción da substitución de automóbiles e vehículos industriais de máis de 10 anos ou máis de 250.000 quilómetros percorridos. Con esta nova achega orzamentaria, o financiamento para este programa suma xa 14 millóns de euros. Ata o momento o Instituto que preside o conselleiro Javier Guerra concedeu subvencións por importe de máis de 11 millóns de euros para apoiar 15.834 solicitudes. O importe das vendas dos concesionarios galegos apoiadas polo de agora suma 260 millóns de euros.
 
Por outra banda, o consello de dirección do Igape vén de modificar as bases reguladoras do plan re-Móvete para ampliar de tres a seis meses o prazo máximo que poderá mediar entre a concesión das solicitudes de apoio e a solicitude de cobramento das mesmas. Deste xeito búscase flexibilizar a xestión e facer posible que se poidan acoller aos apoios da Xunta as solicitudes que os concesionarios teñen dificultades para atender de inmediato, por determinadas demoras no aprovisionamento de vehículos desde os fabricantes. Esta modificación normativa será publicada no DOG en datas próximas.
 
Nun prazo de 4,5 días o Igape está a responder e autorizar as solicitudes presentadas polas entidades colaboradoras, co que xa se reserva o crédito para atender as operacións demandadas, á marxe do momento en que se faga efectiva a matriculación correspondente. O periodo medio que transcorre entre a recepción da solicitude de pago e a tramitación da mesma a entidade financiera para que proceda o abono está a ser de dez días hábiles; ese é o prazo que o persoal do Igape está a empregar para estudar, comprobar e validar a documentación achegada nesta liña xestionada de forma totalmente telemática, sen que sexa necesario  facer uso do papel en momento algún.
 
Consensuado co sector e adaptado ás necesidades de Galicia, o plan re-Móvete é sensiblemente máis ambicioso có plan promovido polo Goberno central, co que se complementa porque é compatible. O plan galego apoia as vendas de vehículos industriais e, no tramo dos vehículos de gama media, para turismos con custos de 10.000 a 30.000€, achega uns apoios que superan aos do Estado nun 40%. A axuda media concedida en Galicia é de 702 euros, fronte a axuda líneal de 500 euros do Goberno central. Deste xeito, e en función das solicitudes recibidas no Igape polo de agora, os beneficiarios desta liña de apoio recibirán 3,3 millóns de euros máis do que percibirían se a Xunta, no seu momento, se limitase a sumarse ao plan 2000E impulsado polo Goberno do Estado. Con todo, este apoio é compatible co do plan re-Móvete.
 
O plan impulsado pola Consellería de Economía e Industria está a ser de grande importancia para manter a actividade e o emprego tanto no sector da fabricación como no comercialización de automóbiles. A incidencia positiva, a nivel social, está na retirada de vehículos de máis de dez anos, menos seguros e máis contaminantes que os que se están a fabricar e vender na actualidade. O plan do Goberno de Galicia esta permitindo retirar da circulación vehículos vellos ou con exceso de quilometraxe, co conseguinte beneficio para o medio ambiente e para a seguridade viaria.
 
Segundo datos facilitados por Faconauto, as vendas de coches a particulares medraron un 68,34% en Galicia durante a primeira quincena do presente mes de setembro, en relación co mesmo período do ano anterior; na media do Estado, o incremento de vendas foi do 35% nese período.
Última actualización ( 23/10/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design