Amplíase ata 15,75 millóns de euros a dotación do Plan re-Móvete, que xa aprobou 19.607 solicitudes PDF
Acompañado por representantes do sector, o director xeral do Igape, Joaquin Varela de Limia, informou sobre as axudas concedidas ata a data a través do plan deseñado pola Consellería de Industria e destacou súa incidencia no incremento das matriculacións. Dunha caída das matriculacións dun 27% nos primeiros cinco meses deste ano sobre 2008, pasouse a un incremento dun 23% nos catro meses seguintes, ata setembro.  Tamén salientou a seguridade que o sistema de xestión dá aos concesionarios, que sempre dispuxeron da certeza de existencia de crédito suficiente para atender as solicitudes debidamente tramitadas. As axudas do re-Movete facilitáronlle as empresas do sector unha facturación que supera os 326 millóns de euros.
 
Santiago, 22 de outubro do 2009.- O Plan deseñado pola Consellería de Economía e Industria para impulsar as vendas de automóbiles en Galicia e contribuír á estabilidade do emprego no sector facilitou polo de agora a aprobación de 19.607 solicitudes de axuda, autorizou subvencións por importe de 13,7 millóns de euros e fixo posible que as empresas do sector acumulen unha facturación de 326 millóns. Joaquín Varela de Limia, director xeral do Instituro Galego de Promoción Económica (Igape), compareceu hoxe en rolda de prensa xunto con representantes do sector, co que desde o principio foi consensuado o Plan re-Móvete, e destacou que esta iniciativa permitiu inverter unha situación caracterizada polas continuas caídas para lograr un sensible incremento das vendas nos últimos meses. “Dunha caída das matriculacións dun 27% nos primeiros cinco meses deste ano con respecto ao mesmo periodo de 2008, pasouse a un incremento dun 23% nos catro meses seguintes, ata o pasado setembro”, destacou . “O incremento na primeria quincena de outubro foi do 74%”, engadiu a continuación.
 
ImageO responsable do Igape referiuse á negativa evolución en Galicia das matriculacións entre xaneiro e maio deste ano, que caeron ata deixar un promedio mensual de  3.743 unidades, cando no mesmo período do pasado ano se matricularan 5.121 unidades por mes. A continuación, destacou a evolución positiva que se acadou nos catro meses seguintes, co plan re-Móvete xa plenamente operativo: “Conseguimos reverter a tendencia cun promedio mensual de 5.281 matriculacións entre xuño e setembro, fronte a un rexistro de medio mensual de 4.285 unidades nos mesmos meses do ano pasado” explicou Varela de Limia. Dunha caída media mensual de 1.278 unidades nos primeiros cinco meses do ano, pasouse a un incremento medio mensual de casi un milleiro de unidades entre xuño e setembro de 2009, engadiu.
 
O director xeral do Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria aproveitou a rolda de prensa para anunciar unha última ampliación de crédito, ata 15,75 millóns de euros, para o financiamento das operacións acollidas ao plan re-Movete, “que cumpriu amplamente os obxectivos previstos no momento da súa posta en marcha”, indicou Joaquín Varela.
 
 
Como unha das características máis destacables do plan galego para a dinamización da susbtitución de vehículos de máis de dez anos ou máis de 250.000 km. percorridos, Joaquín Varela referiuse “á seguridade que o sistema de xestión dá aos concesionarios, que sempre dispuxeron da certeza sobre a existencia de crédito suficiente para atender as solicitudes debidamente tramitadas”.
 
Maior intensidade de apoio
 
Consensuado co sector e adaptado ás necesidades de Galicia, o plan re-Móvete é máis ambicioso có plan promovido polo Goberno central, co que se veu complementando porque é compatible; ademais, o plan galego apoia as vendas de vehículos industriais e, no tramo dos vehículos de gama media, para turismos con custos de 10.000 a 30.000€, achega uns apoios que superan aos do Estado nun 40%, segundo destacou Varela de Limia. As axudas medias concedidas en Galicia son de 702 euros, fronte a axuda líneal de 500 euros do Goberno central, indicou.
 
O director do Igape tamén destacou que o re-Móvete está a ser de grande importancia para manter a actividade e o emprego tanto no sector da fabricación como, especialmente, no de comercialización. A incidencia positiva, a nivel social, está na retirada de vehículos de máis de dez anos, menos seguros e máis contaminantes cós que se están a vender na actualidade, explicou. O re-Móvete está permitindo retirar da circulación vehículos vellos ou con exceso de quilometraxe, co conseguinte beneficio para a seguridade viaria e o medio ambiente.
 
Joaquín Varela de Limia tamén destacou como experiencia altamente positiva para o Instituto que dirixe a propia xestión do plan re-Movete, “que supuxo un reto, creo que superado con nota, en materia de xestión de expedientes de apoio en relación con entidades colaboradoras. A experiencia está a servirnos para avanzar de xeito importante no uso de novos sistemas e ferramentas para unha xestión máis áxil e eficiente”, engadiu.
Última actualización ( 23/10/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design