Fernández Antonio anuncia novos apoios financeiros ás empresas por importe de 40 millóns de euros PDF
ImageO conselleiro de Economía e Facenda anunciou a aprobación dunha achega de 6 millóns de euros a Afigal e Sogarpo que permitirá incrementar a súa actividade avalista en 30 millóns de euros. O presidente de Igape e Xesgalicia tamén anunciou a aprobación do fondo de capital risco de Ferrolterra dotado con 12 millóns de euros e participado pola Xunta, Sepides, Enisa e as caixas de aforro galegas. Os consellos de Igape e Xesgalicia tamén aprobaron operacións de préstamos en empresas por valor de 21 millóns de €.
 
Santiago, 2 de xuño de 2008.- Os consellos de Igape e Xesgalicia aprobaron un conxunto de medidas destinadas a impulsar o financiamento do tecido produtivo galego a través de distintas fórmulas que inclúen os préstamos participativos, o capital risco e os avais. As medidas –por importe de 39 millóns de euros- se enmarcan no paquete de dinamización económica aprobado polo Goberno galego o pasado mes de xaneiro e permiten inxectar liquidez as empresas galegas nun momento en que existen certas restriccións ao crédito. Así o explicou o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, que destacou a importancia das medidas que están a tomar mes a mes os consellos de Igape e Xesgalicia, para impulsar as accións directas e as coordinadas con institucións como o ICO e as entidades financeiras galegas.
 
Entre as medidas anunciadas hoxe figura a aprobación dunha achega de 6 millóns de euros para as sociedades de garantía recíproca (SGR) Afigal e Sogarpo, que permitirá ter un efecto multiplicador para incrementar as contías dos avais destinados ás pequenas e medianas empresas (pemes) en 30 millóns de euros. Segundo explicou o conselleiro, estas sociedades xogan un papel dinamizador ao permitir que as pemes accedan a préstamos que moitas veces non poderían acadar por falta de garantías. Neste sentido, a achega da Xunta permitirá incrementar a súa actividade e, polo tanto, facilitará a obtención de financiamento. Ademais, aprobáronse operacións de préstamos participativos por importe de 21 millóns de euros, dirixidos a empresas dos ámbitos da enerxía solar, da fabricación de mobles, dos transformados metálicos, e das conservas de peixe. Parte destes préstamos están inscritos nas operacións co financiamento do Banco Europeo de Investimentos (BEI) que é outra das liñas impulsadas este ano polo Igape.
 
O conselleiro tamén anunciou a aprobación dun fondo de capital risco para a comarca de Ferrolterra dotado con 12 millóns de euros e participado por Xesgalicia (4 millóns de euros); a Empresa Nacional de Innovación (Enisa) e Sepides (4 millóns de euros); e as dúas caixas de aforro galegas (2 millóns cada unha). O obxectivo do fondo é o de impulsar a dinámica produtiva da comarca apoiando investimentos empresariais nos municipios que a compoñen. A medida se enmarca no plan integral de desenvolvemento das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, que ten entre os seus obxectivos a diversificación da súa base produtiva.
 
Crecemento da economía galega
O conselleiro tamén valorou os datos de crecemento do PIB galego feitos públicos hoxe polo Instituto Galego de Estatística (IGE) que sitúan no 3,2% o crecemento da economía galega en termos interanuais no primeiro trimestre do ano. Este crecemento, segundo explicou o conselleiro,  amosa unha perda de dinamismo da economía galega por canto “crecemos cinco décimas menos que no trimestre anterior” ainda que “Galicia segue converxendo en termos de crecemento e de renda por habitante”. A perda de dinamismo, lembrou o conselleiro, xa se rexistrara no último trimestre do ano con tres décimas menos sobre o anterior, o que “motivou que o Goberno tomara medidas de dinamización en xaneiro”.
 
Galicia mantén o diferencial positivo respecto a España e Europa medrando 5 e 8 décimas máis respectivamente. Igualmente, explicou Fernández Antonio, se crearon máis de 21.000 postos de traballo e se incrementou a produtividade en 1,3 puntos. A perda de dinamismo rexistrada está relacionada coa evolución do sector de construción residencial que, segundo lembrou o conselleiro, tivo un crecemento menor en Galicia que en España nos anos pasados, polo que “o axuste está sendo menor”.
 
Os datos feitos públicos polo IGE amosan que a Formación Bruta de Capital medrou un 3,7% -por riba da media- e os servizos o fixeron nun 4%. Pola súa banda, o consumo  dos fogares creceu un 3,1% ata marzo, tres décimas menos que o trimestre anterior; mentres que o sector da enerxía caeu un 5,8% por mor da situación meteorolóxica neste periodo.
Última actualización ( 23/10/2008 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design