Ártabro Samdeu aplica ideas innovadoras no deseño industrial á medida PDF

ImageA empresa evolucionou desde auxiliar do sector naval ata outros como o da acuicultura ou o ferroviario. Unha ponte de Bos Aires deseñada por Santiago Calatrava aplica un sistema de apertura desenvolvido en Narón, sede da empresa. O último desafío dos enxeñeiros de Ártabro Samdeu é o de facer un xigantesco tambor que recolla o chapapote do Prestige para poder aproveitalo

Santiago, 31 de xaneiro de 2007.- Carlos Yáñez, xerente de Ártabro Samdeu, lembra como nunha ocasión un cliente lle pediu que construíse a máquina do futuro. Aclara que non fan milagres, pero un repaso á traxectoria desta empresa de enxeñería ubicada en Narón reflexa que estamos ante especialistas en aguzar a mente para xerar deseños industriais inéditos. Ártabro Samdeu idea e fabrica proxectos tecnolóxicos avanzados, estruturas metálicas e electromecánicas que teñen unha particularidade: adáptanse a solucións puntuais, á demanda dun único cliente. Poida que non sexan máquinas do futuro, pero tampouco houbo unha igual no pasado. “O máis fácil é montar unha nave e facer negocio con grandes producións. Hai táboas, programas rápidos de cálculo que achaian a tarefa, pero aí xa existe moita competencia. Nós optamos por meternos nun sector máis incómodo. Que ocorre cando che piden algo raro? O noso é iso, o traxe a medida”, explica Yáñez.

ImageA necesidade de innovar

En realidade Ártabro Samdeu naceu nun contexto e unha realidade moi diferente á que logo lle marcou o seu devir. En 1992 comezaron tres persoas nunha oficina e cunha marcada vocación polo sector naval. En 2007 empregan a unhas trinta persoas nunha nave industrial do polígono de Río do Pozo desde a que se atenden necesidades non só do naval senón tamén do ámbito da acuicultura ou o ferroviario. Ou do que se tercie porque Yáñez toma lápiz e papel e de seguida garabatea sofisticados enxeños. Como o mecanismo de xiro da ponte deseñada por Santiago Calatrava en Porto Madero, Bos Aires, a tiro de pedra da Casa Rosada. Ou o que abre a cuberta da praza de touros de Leganés ou o dobre teito que protexeu o Museo do Prado durante a súa remodelación. “Para nós innovar é unha necesidade”, confesa Yáñez. A partir desa sensibilidade diversificaron os nichos de mercado. “Unha vez desenvolves un sistema ábreseche o campo de visión e búscaslle outras actividades”, apunta. Sete persoas traballan no área de I+D da empresa. Todos cun mesmo perfil: mozos que fagan as súas primeiras armas por conta allea. “Non os seleccionamos así porque sexan máis manexables senón porque nos resulta máis sinxelo acoplalos ao noso sistema de traballo. É xente con inquedanzas, con capacidade para desenvolver ideas e veñen moi preparados. A xente máis veterana está máis maleada, ten unha rutina e outra filosofía”, matiza Carlos Yáñez.

Solucións á medida

Dese núcleo innovador xurdiron ideas que gañaron concursos como o que convocou o Concello da Coruña para construír un elevador no Monte de San Pedro ou o acondicionamento dos rieis do tranvía do Paseo Marítimo para o que idearon unha maquina que pulira esas vías. “Cómeste o tarro e ao final sempre se che acende a luceciña”, explican na empresa naronesa. Esa luz prendeu tamén cando Indasa, especializada en pintar buques, lles suxeriu se podían deseñar algo que evitase ter que montar pesados andamiaxes para desenvolver o seu labor. Construíronlles unha gaiola suspendida para traballar no interior do barco e unha torre exterior con rodaduras que permite realizar en dúas horas o labor que antes custaba días finalizar, un deseño que, coas pertinentes variacións, é aplicable a embarcacións de luxo ou de recreo e cuxo desenvolvemento propiciou un proxecto conxunto coa Universidade de Murcia e empresas como Navantia.

Novos retos desde Narón

Pero en Ártabro asumen un futuro que lles suscita novos retos. Queren perfeccionar novas ofertas, afondar en novas posibilidades como a da máquina para alimentar alevíns dirixida a empresas do puxante sector acuícola. E traballan nun proxecto para Sogarisa, o centro de tratamento de residuos industriais ubicado nas Somozas, consistente nunha sorte de xigantesco tambor de lavadora que separe o chapapote procedente do Prestige do auga e a area. Con todo, lamentan que o seu traballo pase desapercibido. “A xente non sabe o que facemos. Levamos anos exportando I+D desde Narón”, asegura Carlos Yáñez antes de facer unha defensa do contorno no que se ubican. “Narón comeulle as papas a Ferrol e trátase dun proceso que non ten marcha atrás. Estamos nun concello dinámico, no que a Administración te atende e che facilita as cousas”. Foi en Narón onde Ártabro-Samdeu logrou consolidarse nos últimos anos como unha das empresas con maior crecemento do seu sector. En 2002 facturou 1,95 millóns de euros. Un ano despois excedeu os 3 millóns. E aí se manten, cunha explicación. “Non intentamos crecer, tampouco dicimos que non a nada, pero gozamos do traballo”.

Última actualización ( 05/03/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design