| As axudas do plan re-Móvete conseguiron que as matriculacións de coches medraran un 29% en decembro |
|
|
As matriculacións de turismos en Galicia pasaron de 3.381 en novembro a 4.362 en decembro. A mellora das condicións de apoio impulsadas pola Consellería de Economía e Industria activou de xeito substancial a demanda nos concesionarios galegos e repercutiu directamente no mantemento dos postos de traballo. O Igape ten rexistradas telemáticamente case 8.000 solicitudes de apoio, cunha axuda media de 877,46 euros por operación.
Santiago, 3 de xaneiro de 2011.- A excepcional mellora das condicións do plan re-Móvete comercial anunciada polo conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, o pasado 1 de decembro, conseguiu que se pechase o último mes do ano cun incremento nas cifras de matriculación de turismos en Galicia do 29%, en comparación co mes anterior.
Así, durante decembro de 2010 os concesionarios galegos deron saída a 4.362 turismos, segundo os datos facilitados polo sector, un 29% máis que no mes de novembro (3.381), grazas a incidencia positiva do plan re-Móvete 2010 G impulsado pola Consellería de Economía e Industria en colaboración co sector, co que se vén traballando de xeito coordinado para dinamizar o mercado.
A mellora das condicións de apoio impulsadas pola Consellería de Economía e Industria activou de xeito substancial a demanda nos concesionarios galegos e repercutiu directamente no mantemento dos postos de traballo. Para facer posible a concesión da correspondente axuda a todas as solicitudes tramitadas en prazo, o Igape ampliou en 1,2 millóns de euros, segundo resolución publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 28 de decembro, a partida inicial de prevista, de 6 millóns de euros.
Neste momento, unha vez rematado o pasado 30 de decembro o prazo de presentación de solicitudes ao programa re-Movete 2010, o Igape ten 7.913 solicitudes de axuda rexistradas telemáticamente cunha axuda media de 877,46 euros por operación.
A través do novo plan re-Móvete 2010 G, coas novas condicións de apoio da Xunta e o compromiso do sector, triplicáronse as axudas previstas en principio para dinamizar as vendas de turismos. Mediante o consenso e o compromiso do sector, as axudas puideron superar os 2.000 euros. A sensible mellora na intensidade dos apoios fixo posible a recuperación das vendas en Galicia con respecto aos meses anteriores. |
|
| Última actualización ( 27/01/2011 ) |


