As empresas galegas xa realizaron máis de 3.000 descargas dos textos da Biblioteca de Innovación PDF
A Biblioteca de Innovación de Galicia que vén de poñer en marcha a Consellería de Economía e Industria a través do Igape, xa rexistrou máis de 3.000 descargas dos textos dunha colección centrada nas vías e posibilidades da innovación empresarial. As publicacións dixitais, dispoñibles tanto para Ipad ou libro electrónico como en formato pdf, abordan a xestión da innovación, a incorporación da tecnoloxía, o financiamento dos proxectos innovadores ou o capital humano e a creatividade.
 
Santiago, 21 de  xaneiro de 2012.-As empresas galegas están a acoller con especial interese os recursos formativos que lles achega a Consellería de Economía e Industria, a través do  Igape, para facilitar a mellora da competitividade a través da innovación. O Instituto vén de poñer a disposición dos empresarios e emprendedores galegos a Biblioteca Práctica de Innovación de Galicia “Aprende a innovar”, unha ferramenta on line que ten por obxectivo contribuír á difusión de ideas innovadoras para facilitar a mellora competitiva das empresas.
 
Nesta colección dixital, á que se pode acceder na web http://aprendeainnovar.igape.es, ofrécese de xeito gratuíto unha vintena de títulos dispoñibles en galego e castelán tanto para Ipad ou libro electrónico como en pdf. Ata o momento, o Igape xa ten rexistrado máis de 3.000 descargas nesta plataforma formativa para empresas.
 
A Biblioteca de Innovación de Galicia pon a disposición dos empresarios e emprendedores que se rexistren na web do Igape, grazas á colaboración coa editorial galega Netbiblo, unha colección de textos nos que se abordan catro temáticas interrelacionadas: a xestión da innovación, a incorporación da tecnoloxía, o financiamento dos proxectos innovadores ou o capital humano e a creatividade.
 
No ámbito centrado na xestión da innovación están dispoñibles títulos como Os Clusters, de Javier García Díez, centrado na cooperación empresarial como factor clave de mellora competitiva; ou O ABC da innovación, de Juan Vicente García Manjón e Javier Alfonso Rodríguez Escobar. Entre os estudos que abordan o ámbito da tecnoloxía están Biotecnoloxía, de Juan P. Duque, centrado nun dos sectores punteiros da innovación ou Provedores de coñecemento, de Javier González Sabater, así como Web 2.0, de José Luis Marín de la Iglesia.
 
Polo que se refire ao financiamento, na biblioteca inclúense publicacións como Business Angels, de Pablo Martínez García e José Gabriel García Ortega; I+D+i en Europa, de Manon van Leeuwen, que achega unha introdución ao VII Programa Marco da UE; ou Start-ups, de Isidre March Jorda. No que respecta aos eidos do capital humano e a creatividade atópanse publicacións como Faino distinto, de Santiago Sousa Carreira ou e As 3R do seu negocio, de Fernando Sáenz-Marrero Fernández, con conceptos, ferramentas e casos de referencia que poden axudar a re-pensar, re-deseñar e re-emprender nun negocio.
 
Xunto coa internacionalización, a mellora da competitividade mediante a incorporación da innovación aos procesos e produtos constitúe un dos eixos estratéxicos de actuación que impulsa a Consellería de Economía e Industria a través do Igape. A Biblioteca de Innovación de Galicia é un novo servizo gratuíto para avanzar neste ámbito.
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design