As pemes galegas xa poden solicitar o apoio do programa re-Export para financiar exportacións PDF
O novo programa habilita unha nova liña financeira, dotada con 10 millóns de euros, para o financiamento dos custos das operacións de exportacións que contará con avais do 50% achegados polo Igape. O prazo de presentación de solicitudes nas entidades financeiras colaboradoras rematará o próximo 14 de setembro.
 
Santiago, 04 de xuño de 2012.- As pemes galegas que desexen iniciar ou consolidar as súas exportacións poden acollerse ao novo programa re-Export, impulsado pola Consellería de Economía e Industria e  xa publicado no DOG. Este novo programa habilita unha liña financeira de 10 millóns de euros, avalada polo Igape, para facer fronte aos custos asociados as operacións de exportacións.
 
O conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, asinou un acordo pioneiro coas 10 entidades financeiras adheridas que permitiu poñer en marcha está nova liña financeira para financiar os custos das operacións de exportación das pequenas e medianas empresas galegas. O prazo de presentación de solicitudes nas entidades financeiras colaboradoras rematará o próximo 14 de setembro.
 
Ao abeiro deste novidoso programa, os avais concedidos polo Igape poderán garantir, nun 50%, os custos das operacións de financiamento de materias primas e de fabricación dos produtos a exportar, así como os gastos derivados dos procesos de envasado e preparación para o envío ao exterior. Do mesmo xeito, as axudas facilitarán o cobro anticipado dos importes das exportacións contratadas e materializadas.
 
O programa re-Export está destinado a impulsar as exportacións das pemes de calquera actividade produtiva, facilitando o acceso ao financiamento operativo, tanto para iniciar como para ampliar e consolidar a actividade exportadora. As operacións avaladas polo programa re-Export oscilarán entre os 80.000 e os 250.000 euros.
 
Deste xeito a Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, fai fronte á necesidade de manter a máxima colaboración coas entidades de crédito para favorecer a actividade comercial das pemes galegas. As 10 entidades financeiras que xa suscribiron o re-Export son Banco Gallego, NCG Banco, Banco Etcheverría, Banco Popular Español, Banco Pastor, Caixabank, Banco Espirito Santo, Caixa Rural Galega, Bankinter e Banco Sabadell; con todo, o programa está aberto á participación das novas entidades que queiran adherirse.
 
Esta iniciativa completa o eixo de apoio á internacionalización da empresa galega ao que a Consellería de Economía e Industria leva destinado 76 millóns de euros, no que vai de lexislatura, co obxectivo de incrementar as exportacións e o número de empresas exportadoras.
Last Updated ( Friday, 14 September 2012 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design