| Fernández Antonio salienta o compromiso da Xunta co sector de automoción de Galicia |
|
|
O conselleiro de Economía e Facenda sinalou que o sector de automoción é prioritario para a economía e o Goberno galegos e confirmou que se seguira prestando a máxima atención e axuda. Fernández Antonio subliñou a vontade do sector para acelerar as medidas do seu plan estratéxico e destacou o conxunto de medidas de financiamento de circulante, de refinanciamento de pasivos e de capitalización das empresas impulsadas dende o Igape.
Vigo, 22 de outubro de 2008.- O conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, confirmou hoxe o respaldo do Goberno galego ao sector de automoción de Galicia, que definiu como altamente competitivo, ben posicionado, e cun bo clima de diálogo social para afrontar a crise económica internacional. É un sector prioritario para a economía galega e para o Goberno galego, e por iso seguiremos a prestarlle a máxima atención e a máxima axuda, explicou. O conselleiro mantivo unha reunión co director da planta PSA en Vigo, Pierre Ianni; e con directivos do Clúster de Empresas de Automoción de Galicia (Ceaga) encabezados polo seu presidente, Antonio Vega. Na reunión analizouse a situación do sector de automoción e o plan de medidas adoptado para facer fronte aos efectos da caída da demanda internacional. Fernández Antonio explicou que a crise financeira e de liquidez pode levar a empresas viables a ter dificultades de financiamento e, nese sentido, destacou a política impulsada polo Igape para atacar o núcleo dese problema. Queremos que ningunha empresa viable quede sen financiamento, afirmou o conselleiro, quen trasladou aos representantes do sector as liñas habilitadas para financiamento de circulante a curto prazo; de refinanciamento de pasivos a medio e longo prazo; e de capitalización da estrutura financeira das empresas. Ademais, salientou a inclusión nos orzamentos de Galicia para o 2009 dunha ampliación ata os 500 millóns de euros dos avais do Igape; e lembrou as medidas de fortalecemento das sociedades de garantía recíproca galegas para que poidan aumentar a súa actividade de apoio ás empresas. O conselleiro salientou a actidude proactiva do sector co plan de medidas presentado recentemente e expresou o obxectivo compartido de aproveitar as fortalezas do sector para acadar o mantemento da actividade e o emprego, e gañar posicións que reforcen ao sector para saír da crise. Nese sentido, salientou a vontade do sector para acelerar as medidas do plan e sinalou como unha das fortalezas do mesmo a estratexia de cooperación no seo do clúster para mellorar a súa situación competitiva e para mellorar a súa situación de desenvolvemento tecnolóxico. Nesa liña de cooperación, o conselleiro anunciou que dende o Igape se fara un seguimento directo para a coordinación do conxunto de medidas vinculadas ao sector. Trátase de poñer en marcha as medidas e, nese sentido, a axilidade e compromiso son dous elementos básicos para o éxito do plan, concluíu. |
|
| Última actualización ( 03/03/2009 ) |


