| O Igape asesorará ás empresas sobre novas liñas de financiamento do Banco Europeo de Investimento |
|
|
Santiago, 1 de xuño de 2007.- O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e o Banco Europeo de Investimentos (BEI) estreitarán os seus lazos de colaboración a través dunha oficina de asesoramento a empresas que se porá en funcionamento nas próximas semanas no seo do Igape. Así o anunciou o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, trala celebración dun almorzo de traballo cunha delegación do BEI encabezada polo seu vicepresidente, Carlos da Silva Costa. Na reunión participaron un cento de persoas entre empresarios e membros de institucións e universidades galegas que coñeceron de man dos expertos da entidade financeira as novas modalidades de financiamento desenvolvidas polo banco para impulsar a competitividade das pemes en Europa. Parécenos fundamental que todos os instrumentos se poidan levar á práctica e por iso é importante axudar aos empresarios e emprendedores a ter un acceso directo a estas liñas de financiamento, explicou. Ademais, o conselleiro tamén salientou a implementación dun fondo de capital risco do seo do Plan Estratéxico da Eurorrexión Galicia Norte de Portugal que encaixa perfectamente nas propostas do BEI e do FEI, engadiu. As pequenas e medianas empresas galegas, segundo explicou, xogan un papel protagonista no tecido empresarial de Galicia e Europa e constitúen un elemento fundamental do crecemento económico e da competitividade. Nese sentido, a economía do coñecemento, a innovación, e a internacionalización son pezas chave para afrontar con éxito o reto da converxencia e a globalización, explicou o conselleiro, quen animou a aproveitar a actual conxuntura de crecemento sólido e o favorable entorno xa que é un magnífico momento para impulsar proxectos de creación de empresas e expansión. Na súa intervención, Fernández Antonio explicou que a política económica do Goberno Galego ten como obxectivo impulsar eses factores para acelerar o crecemento e o proceso de converxencia coas rexións máis desenvolvidas. Tras lembrar que a programación dos fondos estruturais se configura en torno á economía do coñecemento e á innovación como prioridades estratéxicas, o conselleiro salientou que o Goberno galego primará o investimento en capital tecnolóxico e innovación, na procura do fortalecemento da competitividade das empresas galegas. Nesta liña, engadiu, o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e Xesgalicia, como instrumentos públicos de dinamización económica, teñen abordado unha nova estratexia como axentes de competitividade co obxectivo de facilitar ás pemes e emprendedores o acceso ao financiamento; fomentar a innovación; e impulsar a cooperación empresarial ao través do modelo da triple hélice. Colaboración co BEI Precisamente a impulsar a competitividade das pequenas e medianas empresas galegas está dedicado un convenio asinado hoxe polo conselleiro e o vicepresidente do BEI e que canalizará o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía e Facenda. A operación ascende a 30 millóns de euros que se destinarán na súa totalidade ao financiamento de proxectos de pemes galegas en ámbitos como a investigación e o desenvolvemento, a sociedade do coñecemento, e a cooperación empresarial, entre outros. O obxectivo é ter un fluxo de financiamento de pemes e proxectos emprendedores para fortalecer a competitividade empresarial. Este convenio, explicou Fernández Antonio, inaugura unha nova actividade do Igape de obter recursos no sistema financeiro para achegar ás empresas galegas.
|
|
| Última actualización ( 18/06/2007 ) |


O conselleiro de Economía e Facenda anunciou a creación dunha oficina no Igape para asesorar ás empresas sobre as novas liñas de financiamento do Banco Europeo de Investimentos (BEI). Fernández Antonio animou a empresarios e institucións a aproveitar o bo momento económico e as novas modalidades de financiamento para impulsar proxectos de creación de empresas, crecemento, innovación e internacionalización. Salientou que o BEI e o Igape colaboran no fomento de investimentos das pemes no marco dos novidosos programas impulsados polo banco europeo.