"ben" reinventa a venda de material de oficina e libros PDF

O material de oficina e unha ampla oferta de libros son as dúas gamas de produtos do negocio. A posibilidade de crear franquicias do negocio é un dos proxectos de futuro dos promotores da empresa

Santiago, 24 de xaneiro de 2007.- Rianxo foi o lugar elixido por Nuria Rodríguez e o seu socio para poñer en marcha a súa librería-papelería, que contou coa axuda do programa Emprendedores do Igape. “ben” é un local dedicado á venda de material de oficina e libros, tanto a través de Internet, por toda a comunidade galega, coma de forma directa, centrándose na zona do Barbanza, onde se sitúa a sede da empresa. A sociedade conta con dúas gamas de negocio “potenciadas por igual”, di Nuria Rodríguez. Tanto o material de oficina como o de librería teñen o mesmo desenvolvemento en “ben”. Ademáis, a tenda ofrece aos seus usuarios unha oferta cultural variada como valor engadido, así como eventos de diversa índole durante todo o ano.

Aínda que a súa actividade comezou pensando no servizo ás empresas da zona a través de Internet como pata fundamental do negocio, os problemas na posta en marcha da páxina web non o fixeron posible ata decembro de 2006. “Cada vez máis empresas e organismos públicos” compran o seu material en “ben”, afirma Nuria. Esperan, sen embargo, que o número de empresas clientes do seu negocio aumente de maneira considerable no ano 2007. As vantaxes que supoñen os servizos do negocio para as diferentes empresas ou organismos son interesantes; a venda a través de Internet supón adquirir o material necesario sen desplazarse, e dispor del en pouco tempo e a prezos moi competitivos. O reparto do material, ademáis,  non supón coste adicional algún para as empresas que fagan un gasto superior aos 50 euros, segundo explica a promotora da sociedade.

Posta en marcha

A percepción dunha serie de necesidades non cubertas (nicho de mercado) no abastecemento de material de oficina a grandes consumidores, así como a paixón polos libros, foron as principias motivacións da posta en marcha da empresa. Optaron pola constitución dunha Sociedade Limitada principalmente “por cuestións fiscais”, pero tamén porque desa forma podían optar ao programa Emprendedores do Igape, como explica Nuria.

A través da asistencia ao Día do Emprendedor celebrado polo Igape en Santiago, Nuria Rodríguez coñeceu as axudas e servizos que o instituto ofrece aos empresarios e emprendedores galegos. Así foi como se enteraron da existencia do programa Emprendedores que foi o que máis se adecuou ao seu proxecto, tanto pola cuantía económica como polas características do negocio que querían emprender.

As licencias de apertura e de actividade foron os principias problemas que os dous emprendedores atoparon á hora de poñer en marcha a súa librería. As cuestións burocráticas fixeron que a apertura se retrasara máis do desexado, segundo apunta Nuria. Na actualidade, “o desenvolvemento da páxina web” é unha das principais tarefas que están levando a cabo, xa que esta é “unha canle de venda fundamental” para “ben”,  explica a promotora.

Unha imaxe moi coidada

“ben” coida a difusión da súa marca, tanto de xeito directo con accións publicitarias, como a través da web ou do propio local. O local está a ter moito éxito entre os seus clientes pola súa estética “moderna, luminosa e ben coidada, potenciando moito a marca”, explica a promotora. “O consumidor demanda cada vez máis un servizo áxil, coidado e especializado; esta é a imaxe de marca que “ben” pretende transmitir e cumplir. Aqueles que non se adapten a estas necesidades terán problemas de supervivencia”, afirma.

“Franquiciar o negocio” é un dos posibles plans de futuro de “ben”. Segundo Nuria Rodríguez, a boa acollida da imaxe e a estética do local failles pensar que, co paso do tempo, posiblemente este sexa un proxecto axeitado. A curto prazo, tanto Nuria como o seu socio centrarán os seus esforzos en accións comerciais dirixidas a empresas do Barbanza, así como en potenciar o ceñecemento da súa web en toda Galicia.

Última actualización ( 22/02/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design