Bic Galicia apoia a creación de empresas galegas pertencentes ao sector da biotecnoloxía PDF
Máis de vinte iniciativas emprendedoras galegas están participando na terceira edición do proxecto BIOANCES coa colaboración do organismo dependente do Igape. Na pasada edición, tres proxectos galegos de biotecnoloxía resultaron premiados con 30.000 euros cada un.
 
Santiago, 20 de marzo de 2007.- Vinteún proxectos galegos pertencentes ao sector da biotecnoloxía están a participar  na terceira edición do Proxecto BIOANCES, apoiados por Bic Galicia. Os empresarios están tomando parte no Curso de Bioemprendedores a través da Plataforma campus virtual de Genoma España. Para isto, contan coa axuda do organismo dependente do Igape que contribúe cos empresarios na preparación e na elaboración do plan de empresa, así como na busca do financiamento necesario para poñer en marcha a súa iniciativa.
 
Na pasada edición de BIOANCES, programa xestionado pola Asociación Nacional de CEEIs Españois (ANCES) e por Genoma España, Bic Galicia presentou once plans de empresa correspondentes a outros tantos proxectos bioemprendedores da comunidade galega. Tres destas iniciativas resultaron premiadas cun importe de 30.000 euros cada unha, outorgados pola organización.
 
A través de BIOANCES, Bic Galicia realiza un importante labor de divulgación e difusión das posibilidades empresariais da biotecnoloxía en diferentes sectores e estamentos, así como sobre as súas aplicacións  en sectores industriais tradicionais identificando proxectos potenciais. Con esta iniciativa, conséguese difundir as posibilidades da biotecnoloxía e fomentar o bioemprendemento e a creación deste tipo de empresas en Galicia.
 

BIOANCES consiste nun programa de apoio á creación de bioempresas a nivel nacional, no que Bic Galicia participa activamente. O seu obxectivo é formar, asesorar, apoiar e acompañar aos emprendedores que desexen poñer en marcha un negocio no ámbito biotecnolóxico. O proxecto desenvólvese en torno a unha plataforma telemática de encontro entre emprendedores, consultores especializados e equipos de especialistas que contribúen a materializar as iniciativas empresariais.

Última actualización ( 29/03/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design