O Igape, BIC Galicia e a Fundación Genoma premian os proxectos Nanoimmunotech e Climadaptación PDF
Cada unha destas iniciativas emprendedoras de carácter biotecnolóxico recibe un incentivo de 30.000 euros para a posta en marcha das respectivas empresas. Os galardóns, concedidos no marco do Programa Galicia Bioemprende, foron entregados onte en Madrid, nun foro destinado a poñer en contacto a emprendedores biotecnolóxicos con investidores públicos e privados. O Programa Galiciabioemprende, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE), ten como obxectivos fundamentais dar apoio á creación, crecemento e consolidación de empresas biotecnolóxicas. Esta iniciativa está promovida por BIC Galicia, o Igape e a Fundación Genoma España.
 
Santiago, 17 de decembro de 2008.- En colaboración coa Fundación Genoma e no marco do Programa Galiciabioemprende Igape e BIC Galicia, organismos dependentes da Consellería de Economía e Facenda, veñen de premiar as iniciativas biotecnolóxivas denominadas Nanoimmunotech e Climadaptación. O premio está dotado con 30.000 euros, en cada caso, como apoio para a posta en marcha das respectivas empresas. Os galardóns foron entregados onte en Madrid, no Foro de presentación de proxectos y empresas biotecnolóxicas organizado pola Fundación Genoma España para poñer en contacto aos mellores emprendedores biotecnolóxicos con investidores públicos e privados.
 
ImageO Premio Igape ao mellor proxecto empresarial biotecnolóxico foi concedido a Nanoimmunotech, unha iniciativa presentada por un equipo investigador liderado por Christian Sánchez Espinel, do Departamento de Inmunoloxía da Facultade de Bioloxía da Universidade de Vigo. Con este proxecto preténdese crear a primeira empresa europea que ofreza de xeito integrado a caracterización e a validación de nanopartículas, xunto con asesoramento personalizado previo ao uso destes nanomateriais  en biomedicina.
 
A nanotecnoloxía ofrece enormes potencialidades en técnicas de diagnóstico in vitro, diagnóstico in vivo e terapia; o proxecto premiado ocuparase de caracterizar as nanopartículas para asegurar a súa compatibilidade de uso nos seres vivos. As aplicacións da tecnoloxía deste proxecto irán da investigación á biomedicina, o sector farmacéutico ou os sectores veterinario e alimentario. O proxecto Nanoimmunotech está dirixido principalmente a empresas farmacéuticas, empresas de produtos de cosmética, centros e grupos de investigación, empresas biotecnolóxicas, universidades, hospitais ou laboratorios.
 
O premio Fundación Genoma España o mellor proxecto empresarial biotecnolóxico foi concedido a Climadaptación, unha iniciativa de David Llorente e Susana Bayo que aposta pola captación dunha porcentaje importante das emisións de CO2 xeradas polas empresas. O proxecto Climadaptación promove a creación dunha sociedade preparada para achegar solucións ao problema do cambio climático desde o punto de vista da prevención e desde a perspectiva da adaptación. No eido da prevención proxecta actuar sobre a reducción da concentración de CO2 atmosférico. En canto á adaptación, o proxecto promove actuacións sobre diversos sectores como a acuicultura, viniviticultura, urbanismo, etc, buscando solucións mediante investigacións e desenvolvementos tecnolóxicos innovadores. A nivel biotecnolóxico, o proxecto prevé desenvolver, con tecnoloxía propia, o uso de microorganismos que son inoculados en plantóns  de uso forestal e que teñen a función de acelerar a fijación de CO2 sobre a madeira e reducir, dese xeito, a súa concentración na atmosfera.
 
Programa Galiciabioemprende
O Programa Galiciabioemprende, cofinanciado polo Fondo Social Europeo (FSE) ten como obxectivos fundamentais dar apoio á creación, crecemento e consolidación de empresas biotecnolóxicas. Esta iniciativa está promovida por BIC Galicia, o Igape e a Fundación Genoma España.
 
O programa está dirixido a emprendedores e empresarios que teñan unha idea de negocio no sector da biotecnoloxía e que desexan explorar o potencial da mesma e a sua capacidade emprendedora para crear e poñer en marcha unha actividade empresarial propia, como spin-off da sua institución ou de xeito independente. Tamén se realizan neste marco de colaboración actividades orientadas á consolidación e crecemento de empresas existentes por medio de titores, profesores e expertos en biotecnoloxía.
 
Á primeira edición dos premios convocados no marco do Programa Galiciabioemprende promovida polo Igape e BIC Galicia presentáronse en total 28 proxectos biotecnolóxicos. Desenvolvéronse e foron avaliados 18 plans de negocio, de entre os que saíron catro finalistas e, finalmente, as dúas iniciativas premiadas: Nanoimmunotech e Climadaptación.
Última actualización ( 17/12/2008 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design