| Braga acollerá un cumio galego-portugués de empresas TIC para promover negocios e alianzas |
|
|
O obxectivo é propiciar acordos ou iniciativas de cooperación comercial ou tecnolóxica entre as 75 empresas participantes. Participarán empresas especializadas en seguridade, eficiencia enerxética, domótica e a electrónica. O encontro forma parte do proxecto Transtic, coordinado pola sociedade do Igape BIC Galicia no marco da Iniciativa Comunitaria Interreg IIIA.
Santiago, 18 de xuño de 2007.- En torno a 75 empresas portuguesas e galegas que desenvolven a súa actividade no eido das tecnoloxías da información e as comunicacións (TIC) e, en concreto, nos terreos da seguridade, a eficiencia a enerxética, a domótica e a electrónica, participarán no Encontro de negocios trasnacional Galicia-Norte de Portugal que se desenvolverá en Braga o próximo 7 de xullo, organizado pola sociedade do Igape BIC Galicia en colaboración con BIC Miño.
O obxectivo fundamental deste encontro transnacional amparado pola iniciativa comunitaria Interreg IIIA España-Portugal, é propiciar o desenvolvemento de entrevistas e contactos que poidan dar lugar a novos proxectos ou alianzas de cooperación comercial ou tecnolóxica entre micropemes ou pemes TIC de Galicia e Portugal.
Para que desenvolvan un papel catalizador e dinamizador neste encontro, BIC Galicia seleccionará un grupo de 15 empresas galegas xa consolidadas no eido das TIC; cada unha delas protagonizará, en Braga, encontros bilaterais cun mínimo de 14 empresas portuguesas, seguindo unha axenda prefixada de acordo coas características e preferencias de cada unha das empresas participantes.
No ámbito da Iniciativa Comunitaria Interreg IIIA, que se ocupa de favorecer a cooperación transnacional, desenvólvese o proxecto Transtic, un programa transfronteirizo orientado á consolidación de redes de cooperación entre empresas TIC de ambas marxes da fronteira. Neste marco é no que se celebra o encontro organizado en Braga por BIC Galicia como coordinador do proxecto Transtic cofinanciado pola Iniciativa Interreg IIIA. Neste programa participan como socios o Consorcio Zona Franca de Vigo a través do CIE A Granxa, Unninova, BIC Miño, a CEP e as asociacións empresariais TEC Minho e AJE Vigo. O proxecto tamén conta coa colaboración do Igape, entre outras entidades e asociacións do sector TIC.
O obxectivo do programa Transtic en xeral, e deste encontro transnacional de negocios entre empresas TIC de Galicia e Norte de Portugal en particular, é o de dinamizar a cooperación entre empresas situadas no espazo transfronteirizo e vinculadas á extensión da sociedade da información e a innovación, tanto desde o punto de vista comercial como tecnolóxico. A información completa sobre este encontro de carácter trasnacional está a disposición de todas as empresas interesadas na web www.transtic.org/encuentrotic. Para formalizar a inscrición, as empresas poden dirixirse ao enderezo electrónico
Este enderezo de correo-e está protexido contra spam bots, necesitas ter o Javascript activado para podelo ver
.
A participación das empresas galegas seleccionadas terá carácter gratuíto e levará incluído, ademáis das roldas de traballo concertadas, os deprazamentos e o almorzo de traballo. O traslado dos representantes das empresas galegas farase desde Vigo, con saída ás 9 horas; tras roldas de negocios que se desenvolverán pola mañá e pola tarde do día 7 de xullo, está prevista a chegada de volta á cidade olívica en torno ás 21 horas.
A participación neste encontro de cooperación transfronteiriza porá a disposición das empresas participantes oportunidades de negociación directa con potenciais socios ou aliados, de intercambio de perfís empresariais e catálogos de produtos ou de presentación e promoción de novos produtos diante de empresas con intereses complementarios. Desta ronda de negocios poden saír acordos de representación ou marqueting, creación de joint ventures, acordos de representación industrial ou de produción, transferencia de tecnoloxía ou alianzas estratéxicas. |
|
| Última actualización ( 12/07/2007 ) |


