Buceos Finisterre ofrece a posibilidade de coñecer as profundidades mariñas da Costa da Morte PDF
ImageA escola de mergullo "Buceos Finisterre", creada co apoio do programa Emprendedores, ofrece cursos de todos os niveis aos afeccionados a este deporte ademais de inmersións aos barcos afundidos na Costa da Morte. O importante investimento que supuxo a posta en marcha do negocio foi unha das maiores dificultades a superar polos seus promotores

Santiago, 4 de xaneiro de 2007.- “Buceo Finisterre” é o nome dunha escola dedicada ao aprendizaxe desta actividade acuática que puxeron en marcha os irmáns Alicia e Fernando Carrillo, co apoio do programa Emprendedores do Igape, hai aproximadamente seis meses nesta localidade da Costa da Morte. A escola comezou a funcionar no mes de xullo gracias á grande afección que Alicia e Fernando tiñan polo mundo do mar, en especial pola vela e o mergullo. Nun principio, os promotores do proxecto pensaron en poñer en marcha un negocio dedicado ás dúas actividades, pero a inexistencia de infraestructuras para desenvolver a vela, sobre todo durante o inverno, fíxolles decantarse polo mergullo.

A empresa presta numerosos servizos aos seus clientes xa que, ademais da escola, Alicia e Fernando teñen unha tenda de artículos de mergullo e pesca submarina. Buceo Finisterre ofrece un amplo abano de cursos, dende un “bautismo”, que consiste nunha clase teórica e unha inmersión para entrar en contacto co mundo do mergullo, ata cursos básicos, cursos avanzados, cursos de socorrismo ou de monitor. Ademais, outro dos servizos da escola son as inmersións na ría co fin de visitar os barcos afundidos hai anos na Costa da Morte. Segundo explica Alicia Carrillo, a súa intención é crear unha ruta de inmersións a barcos afundidos como reclamo para os clientes, explotando unha realidade que, por desgraza, teñen na zona dende hai moitos anos. Na súa tenda, os irmáns prestan outros servizos aos veciños de Fisterra xa que, ademais de todo o material posto á venta, tamén ofrecen seguros de pesca submarina e proporcionan información publicada pola Administración en todo o relativo a este mundo.

Un apoio importante

A posta en marcha dun negocio deste tipo, explica Alicia, supón un forte investimento. O Igape, a través do programa Emprendedores, supuxo un importante apoio para os xóvenes empresarios neste sentido, xa que a empresa que ían montar era a única deste tipo existente na Costa da Morte. A través do promotor de emprego do concello fisterrá, os irmáns coñeceron as axudas que o instituto ten a disposición das empresas galegas. Ademais de contar co apoio dun titor que “me axudou durante dous ou tres meses e que me animou para que non me botase atrás”, di Alicia, a promotora de Buceo Finisterre, que tamén asistiu a seminarios de formación que organizou o Igape.

Dende o seu comezo, a escola cumple amplamente as expectativas dos seus impulsores, que fan un bo balance destes meses de actividade. O feito de levar moitos anos neste mundo como colaboradores do Club Náutico, membros de protección civil… fixo que moitos dos seus veciños depositasen a súa confianza neles para adentrase no ámbito do mergullo. Ademais, os turistas asiduos da zona tamén son clientes fieis da escola. Carrillo afirma que, independentemente do tempo que faga, todos os fins de semana reciben chamadas de diversos lugares da comunidade galega, sobre todo da zona das Rías Baixas, para ir realizar inmersións.

A seguridade, un factor importante

Un dos principios de Buceo Finisterre e dos seus promotores é a seguridade no ámbito do mergullo. “Miramos moitísmo a seguridade, que é o principal”, explica Alicia. Dende o seu negocio intentan concienciar á xente da zona de que este é un factor moi importante á hora de realizar calquera destas actividades acuáticas. Ademais, dende a escola, os irmáns Carrillo están demostrando que Fisterra non é un lugar tan perigoso como se di xa que, dende que abriron o seu negocio non cesaron a actividade ningún mes. “Sexa o mes que sexa a xente anímase a vir”, explica Alicia.

Os poucos meses de actividade de Buceo Finisterre xa foron suficientes para que os seus promotores estén pensando en proxectos de futuro. Polo momento, están a reformar un novo local no que se instalarán dentro duns meses que contará con mellores instalacións (duchas, aulas…). De ser posible, a súa intención é chegar a conseguir un local cerca do porto para facilitar aínda máis o desenvolvemento da súa actividade.

Última actualización ( 25/01/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design