| O Igape apoiará ás conserveiras Alfageme e Calvo no desenvolvemento dos seus plans estratéxicos |
|
Fernández Antonio, subliñou a importancia do sector conserveiro galego que está nun proceso de diversificación, innovación e aumento das cotas de mercado O Instituto tamén apoiará os plans estratéxicos do clúster audiovisual, do clúster da madeira e da AEI Enerxía e Medio Ambiente, dentro da súa política de potenciación dos clústers. O Igape apoiou investimentos por 300 millóns de euros ata setembro, con axudas por 41 millóns de euros; mentres que Xesgalicia aprobou 16 proxectos cun investimento de 19 millóns de euros.Santiago, 1 de outubro de 2007.- O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, anunciou hoxe a aprobación de sendas operacións financeiras destinadas a apoiar os plans estratéxicos de dous dos principais grupos conserveiros galegos: Bernardo Alfageme e Calvo. A medida adoptada polo consello de dirección da axencia de desenvolvemento galega enmárcase na política empresarial desenvolvida pola Xunta que prioriza a concentración dos esforzos de apoio nos sectores produtivos cun maior potencial de expansión e crecemento. Así, explicou o conselleiro, o Igape apoia os novos plans de negocio impulsados por ambos grupos conserveiros, que apostan pola innovación, a diversificación da oferta e a internacionalización como claves da súa expansión. O sector conserveiro galego é moi importante como amosan as cifras: supón o 80% da produción do conxunto de España, factura ao redor de 1.000 millóns de euros, e da emprego a 12.000 personas, lembrou o conselleiro, quen engadiu que a Xunta apoia este sector no que Galicia ten un liderado en España e en Europa en moitos aspectos.
En ambos casos, o apoio facilitado a través do instituto dependente da consellería de Economía e Facenda será mediante a achega de garantías sobre os préstamos bancarios con que os dous grupos conserveiros prevén impulsar os seus plans de desenvolvemento. No caso de Bernardo Alfageme, o Igape concederá un aval por 24,5 millóns de euros en garantía do 70% dun préstamo destinado a financiar o plan estratéxico do grupo -que integran Bernardo Alfageme, Conservas Peña e Mariscos San Cayetano- que prevé un investimento de 126 millóns de euros nos próximos anos e medidas como a ampliación da gama de produtos a novos elaborados, e potenciar a estratexia de marca. No caso do Grupo Calvo, o Igape concederá un aval por 17,5 millóns de euros en garantía do 70% dun préstamo bancario destinado ao financiamento do plan estratéxico do grupo destinado a potenciar a comercialización e o márketing.
Apoio a clústers
Por outra banda, Fernández Antonio explicou que o consello do Igape analizou os plans estratéxicos de tres clústers galegos aos que o Igape prestará o seu apoio. Trátase, en primeiro lugar, da Agrupación de Empresas Innovadoras de Enerxía e Medio Ambiente que integra a 199 empresas que facturan 6.219 millóns de euros. Neste ámbito, explicou o conselleiro, xa se teñen materializados apoios a proxectos empresariais como os de T-Solar (paneis fotovoltaicos); Infinita, Entabán e Biodiésel Coruña (biodiésel); ou Abengoa Biomasa (biomasa). Seguimos unha dobre política de apoio á potenciación dos clústers por parte do Igape e de apoio a o sector enerxético e medioambiental, explicou o conselleiro.
En segundo lugar, explicou Fernández Antonio, o Igape apoiará o plan estratéxico do clúster audiovisual, con 46 empresas e unha facturación de 98 millóns de euros. Neste sector, salientou, tamén existe unha política de apoio materializada en medidas como os préstamos directos a producións; as liñas de financiamento por importe de 15 millóns de euros para apoio á produción en compra de equipos); e as fórmulas de capital risco tanto con participación en firmas (Filmax, Dygra, Deboura), como da recente achega de 1,5 millóns de euros para unha sociedade conxunta con Caixa Galicia. Por último, o conselleiro explicou que o terceiro dos plans estratéxicos que apoiará o Igape é o da madeira, con 125 empresas e unha facturación de 1.700 millóns de euros.
Esta política de apoio tense tamén realizado, segundo lembrou o conselleiro, nos sectores do automóbil, o téxtil, ou o naval e de transporte marítimo; así como a emerxentes como o das biotecnoloxías. Ademais, engadiu, estanse a utilizar de forma crecente as axudas aos sectores e ás empresas a través de fórmulas de aportacións reembolsables. Imos a risco coas compañías aínda que, loxicamente os empresarios teñan que arriscar máis que a Administración, subliñou o conselleiro, quen explicou que coa fórmula de axuda reembolsable se acada un efecto rotatorio que permite multiplicar o efecto en varias compañías.
No seu repaso aos datos de apoio de Igape e Xesgalicia ata o mes de setembro, o conselleiro indicou que o Instituto apoiou investimentos por máis de 300 millóns de euros e 41 millóns de axudas; mentres que Xesgalicia apoiou 16 proxectos cun investimento de 29 millóns de euros.
Convenio produtores de uva
Por outra banda, o consello de dirección do Igape acordou a suscrición dun convenio con entidades financeiras para facilitar unha liña específica para os produtores de uva dirixida a facilitar o cobro inmediato das producións entregadas á industria. A medida evita aos produtores soportar cargas financeiras xa que o Igape asume o custo financeiro das operacións de desconto das facturas.
Entre as novidades do convenio, que acada un montante de 15 millóns de euros, salienta a súa ampliación ás cooperativas e a ampliación ata 9 meses do prazo máximo de cobertura O pasado ano, este convenio beneficiou tanto a 380 viticultores das denominacións de orixe Rías Baixas, Ribeira Sacra, Ribeiro e Valdeorras, como ás respectivas adegas, que puideron adaptar o período de pagamento de uva por valor de 11,3 millóns de euros.
|
|
| Última actualización ( 17/03/2009 ) |


Fernández Antonio, subliñou a importancia do sector conserveiro galego que está nun proceso de diversificación, innovación e aumento das cotas de mercado O Instituto tamén apoiará os plans estratéxicos do clúster audiovisual, do clúster da madeira e da AEI Enerxía e Medio Ambiente, dentro da súa política de potenciación dos clústers. O Igape apoiou investimentos por 300 millóns de euros ata setembro, con axudas por 41 millóns de euros; mentres que Xesgalicia aprobou 16 proxectos cun investimento de 19 millóns de euros.