Fernández Antonio salienta que os investimentos en Valdeorras contan con financiamento preferencial PDF
O conselleiro de Economía e Facenda lembrou que no 2008 o Igape garante unha axuda mínima do 20% para novos investimentos a partir de 200.000 euros e apoio financeiro con préstamos a un xuro do 2%. Ademais presentou o proxecto Cedisolar, un investimento de 32 millóns de euros que suporá a creación de 59 empregos novos e que contará cun apoio superior aos 7 millóns de euros entre Igape e Xesgalicia. A nova planta terá capacidade para producir 3,4 millóns de metros cadrados de vidro de alta eficiencia enerxética cada ano.
 
Barco de Valdeorras, 6 de maio de 2008.- O conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio destacou hoxe que os novos proxectos empresariais localizados na comarca de Valdeorras (Ourense) disporán de subvencións que cubrirán como mínimo un 20% dos investimentos subvencionables e contarán con financiamento preferencial con préstamos a xuros do 2%. Así o manifestou durante o acto de presentación do proxecto Cedisolar, unha nova planta de fabricación de vidro de alta eficiencia enerxética que se instalará no Barco de Valdeorras cun investimento de máis de 32 millóns, e un apoio por parte de Igape e Xesgalicia que superará os 7 millóns de euros.
 
O conselleiro explicou que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) mellorou este ano os apoios aos investimentos na comarca de Valdeorras, que xa contaban cun tratamento preferencial no marco de apoios correspondente a 2007. Segundo explicou, nas liñas de concorrencia non competitiva para apoiar investimentos importantes, os proxectos que escollan Valdeorras como localización teñen maiores porcentaxes de subvención garantida. Por outra banda, nas liñas en concorrencia competitiva, os proxectos da comarca teñen maiores posibilidades de seren seleccionados e, se son escollidos, acadarán unha porcentaxe de apoio superior á que recibirían noutra localización.
 
Este ano, os investimentos mínimos apoiables baixan de 600.000 a 500.000 euros con carácter xeral (concorrencia aberta).
  • En Valdeorras, o investimento mínimo apoiable baixa de 300.000€ a 200.000€
  • Porcentaxe mínima garantida: Primeira implantación en Galicia, 20% (15% en 2007)
  • Non primeira implantación, 15% mínimo garantido (10% en 2007).
 
Ademais, os impulsores de investimentos en Valdeorras poderán conseguir préstamos a un xuro efectivo do 2%, no marco da liña habilitada polo Igape no convenio co ICO e as entidades financeiras colaboradoras.
 
Fernández Antonio lembrou que nos tres últimos anos o Igape apoiou investimentos empresariais na comarca por un importe de case 20 millóns de euros. Entre os investimentos de maior dimensión cómpre citar o da auxiliar de automoción Rieter Saifa, cun proxecto que inicialmente contempla a creación de 90 novos postos de traballo.
 
Apoio a Cedisolar
Cedisolar, impulsada polo grupo Rioglass Solar Holding, no que participa Abengoa, e por Cedie, empresa do grupo Unión Fenosa, impulsará co apoio do Igape un investimento que supera os 32 millóns de euros e que consiste nunha nova planta para fabricación de vidro de altas prestacións destinado principalmente a aplicacións de aforro enerxético en arquitectura. Este vidro de alta eficiencia facilita o aforro enerxético tanto no verán, limitando a radiación de entrada, como no inverno, limitando as perdas de calor.
 
Situada no Barco de Valdeorras (Ourense) esta nova factoría dará emprego indefinido a 59 traballadores e terá unha capacidade de produción de 3,4 millóns de metros cadrados anuais. Debido ao interese do proxecto e no especial carácter dinamizador que ten para a comarca, o Igape prevé achegar unha subvención de 6,18 millóns de euros e que cubrirá o 22% do investimento subvencionable, cifrado en 28 millóns de euros. Pola súa banda, Xesgalicia, a sociedade xestora dos fondos de capital risco da Xunta de Galicia, participará no capital social de Cedisolar, cun investimento dun millón de euros. Prevese que a nova factoría acade unha facturación de case 24 millóns de euros no primeiro ano de funcionamento.
Última actualización ( 17/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design