| Cinemar Films facilita a gravación e posproducción de son cun estudo de referencia en Europa |
|
|
O novo estudo é o primeiro de Galicia homologado por Dolby e equipado con tecnoloxía de vangarda, e permitirá pechar a cadea do produto audiovisual en Galicia. O Igape apoiou a iniciativa mediante o programa de axudas a emprendedores.
Santiago, 8 de agosto de 2008.- O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) dependente da Consellería de Economía e Facenda, apoiou mediante o programa de axudas a emprendedores, a creación do estudo Cinemar Films, que facilitará un servizo integral de posprodución e mestura de son para cine e televisión que permita pechar a cadea do produto audiovisual en Galicia. Esa é a finalidade coa que nace o primeiro e único estudo da Comunidade homologado por Dolby e equipado con tecnoloxía de vangarda e profesionais de prestixio recoñecido. O Igape apoiou a iniciativa co propósito de fomentar o crecemento e a consolidación do sector audiovisual en Galicia, posto que se trata dun estudo de referencia en Europa tanto polas súas condicións acústicas como polas súas instalacións.
Deseñado integramente polo prestixioso enxeñeiro inglés Philip Newell, Cinemar Films é un dos poucos estudos de España homologado por Dolby e DTS, e que posúe entre outras, unha sala de mesturas Dolby Dixital que supera os 100 metros cadrados, con proxector de cine de 35mm e cunhas condicións técnicas que a converten nunha das mellores salas de mesturas para cine de Europa. Cinemar Films dispón ademais dunha sala de premesturas, gravación de efectos e diálogos, así como de varias salas de montaxe de son. Polo tanto, as instalacións de Cinemar Films permiten realizar o proceso completo de gravación e posprodución de son para cine e televisión. Neste estudo non só se fai cine, senón que está preparado para realizar calquera tipo de produción.
Segundo a promotora da empresa, Dolores Ben, a base do proxecto pasa por asumir a necesidade de crear infraestruturas propias para o sector. Ata agora unha película rematábase de rodar en Galicia, pero a montaxe final de son facíase en Madrid ou Barcelona. Cinemar Films, da a oportunidade aos produtores galegos de realizar o produto íntegro en Galicia e evitar, deste xeito, os gastos adicionais de traslado e estadía do director e o seu equipo técnico durante o proceso da montaxe.
Dez longametraxes nun anoA empresa, que conta cunha infraestrutura para abarcar todo tipo de son, realizou a montaxe de dez longametraxes durante o último ano, entre as que destacan a premiada O neno de Barro de Adivina Producciones, e das cales tres eran de orixe madrileño e canario. Dolores Ben asegura que aínda que creou a empresa como servizo para o sector audiovisual galego, neste momento só hai, a parte de Cinemar Films, tres ou catro empresas desta categoría en España que se adiquen á posproducción e mestura de son para cine, situadas en Madrid e Barcelona. Neste momento a empresa traballa con produtoras galegas, nacionais e, agora mesmo, entre outros, teñen un proxecto cubano-canario.
Como presidenta da Asociación Galega de Productoras Independentes (Agapi), Dolores Ben considera que neste momento o cine galego se atopa nun cambio de filosofía e augúralle un futuro no que se fagan dúas ou tres produccións de alto presuposto e bastantes máis películas con menor investimento. O que conta é que o guión e o resultado final sexan de calidade, calquera que sexa o modelo e o orzamento, di. Por outra banda, Ben afirma que neste momento en Galicia están programadas 14 rodaxes para este ano, o que amosa, ao seu xuízo, á gran actividade dun sector que conta con xente nova con moito talento e cada vez máis preparada.
Liñas específicas para o sector audiovisual
Aparte de poder acollerse ás liñas xeneralistas de apoio ós investimentos empresariais como son as de investimentos, emprendedores coma no caso de Cinemar Films- ou mellora da competitividade, os proxectos do sector audiovisual dispoñen no Igape de liñas específicas. Consciente do potencial deste sector, o Instituto foi completando durante os últimos anos un abano de apoios adecuados ás peculiaridades das empresas, con dificultades especiais de financiamento pola alta porcentaxe de intanxibles asociados á actividade. Así, o Igape dispón de varias liñas de préstamos para facilitar tanto financiamento de produccións audiovisuais como para apoiar a renovación tecnolóxica das empresas do sector. Tamén participa, a través de Xesgalicia e xunto con Xescaixa Galicia, na sociedade de capital risco Sempre Cinema Produccións, que botou a andar este ano co obxectivo de colaborar no financiamento de produccións audiovisuais con achegas de capital risco. |
|
| Last Updated ( Friday, 08 August 2008 ) |


Dez longametraxes nun ano