O Igape lidera o proxecto europeo de cooperación trasnacional “AT-Clusters” PDF
O Igape lidera o proxecto europeo de cooperación trasnacional “AT-Clusters”, que integra a socios de Irlanda, Portugal, Francia, Asturias e Cantabria, ademais de Galicia. A iniciativa explorará as posibilidades de cooperación entre os clusters asentados ou en vías de creación no Espazo Atlántico, e procurará interconectalos para facilitar o seu desenvolvemento  a nivel europeo e internacional. O proxecto, que botou a andar hoxe en Santiago, ten como obxectivo favorecer o dinamismo e o intercambio de boas prácticas entre os clusters.
 
Santiago, 12 de marzo de 2009.- Explorar as posibilidades reais de cooperación entre os clusters que están asentados ou en proceso de creación no Espazo Atlántico  e interconectalos para facilitar o seu desenvolvemento a nivel europeo e internacional son os obxectivos principais do proxecto europeo AT-Clusters, que está liderado polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), dependente da Consellería de Economía e Facenda, e cofinanciado pola CE no marco do programa europeo Espazo Atlántico de cooperación trasnacional. 
 
ImageO proxecto AT-Clusters (clusters rexionais e multi-rexionais no Espazo Atlántico), desenvolverase ata 2013. A iniciativa busca axudar aos clusters a ser mais dinámicos e apoiar o intercambio de boas prácticas, ademais de explorar a posibilidade de construción de meta-clusters capaces de asentar lazos de cooperación entre ás empresas mais dinámicas das distintas rexións participantes. Xunto co Igape, como xefe de fila, participan como socios neste proxecto a Sociedade para o Desenvolvemento Rexional de Cantabria (Sodercan); A South West Regional Authority de Cork (IRELAND); o Instituto de Desenvolvemento do Principado de Asturias (Idepa); a Agência de Desenvolvimento Regional do Vale do Ave (Portugal); e a sociedade Betagne-Innovation, de Rennes (Francia).
 
No marco da reunión de lanzamento do proxecto AT-Clusters, que se celebrou hoxe na sede do Igape en Santiago, os representantes das entidades participantes coincidiron en salientar as posibilidades de desenvolvemento que poderán derivarse deste marco de colaboración trasnacional, mediante accións que permitirán mellorar a capacidade das autoridades rexionais para a identificación e promoción de clusters; o proxecto permitirá incrementar a capacidade dos clusters para ofrecer servizos eficientes aos seus integrantes e contribuir, así, ao seu desenvolvemento, modernización, innovación e internacionalización; e contribuirá, do mesmo xeito, a fortalecer a cooperación entre clusters baseados no coñecemento no Espazo Atlántico, para incrementar a súa competitividade no mercado global.
 
O proxecto AT-Clusters foi aprobado na primeira convocatoria 2008 do programa europeo Espazo Atlántico de cooperación transnacional. O orzamento aprobado para impulsar as accións previstas é de 1.161.042€; a cofinanciación europea, a través do Feder, achegará 754.677€, o 65% do orzamento aprobado. O proxecto deberá estar rematado en xuño de 2011.
Última actualización ( 23/04/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design