| Compost Galicia contará cun préstamo BEI para impulsar investimentos cifrados en 1,7 millóns de € |
|
|
O apoio da Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, facilitará o desenvolvemento da fase final do proxecto, centrada no envasado do compost que a empresa produce na súa planta de Leiro, Ourense. A firma desenvolve un proceso de valorización de residuos e comercializa un produto respectuoso co medio ambiente e moi demandado na agricultura ecolóxica e para mantemento de xardíns ou instalacións deportivas.
Santiago 1 de febreiro de 2010.- A través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Consellería de Economía e Industria apoia, cun préstamo directo de 300.000 euros, os investimentos promovidos por Compost Galicia na súa planta de Leiro (Ourense), cifrados en 1,7 millóns de euros e destinados á realización da cuarta fase dos investimentos impulsados por esta empresa de valorización de residuos, centrada no proceso final de envasado da compostaxe que produce.
Compost Galicia, S.A. é unha empresa cunha actividade centrada na xestión e valoración de residuos que poidan ser tratados a través dun proceso de compostaxe. A súa actividade comezou a desenvolverse en agosto do 2009. A empresa dispón dunha nave de 4.357m2 nun terreo de 50.055 metros cadrados no Concello de Leiro. A nave ten unha estructura prefabricada de formigón e no seu interior dispón de túneles de compostaxe, zonas de acopio do material, espazos para a maduración final do compost, galería de ventilación e edificio de control. Actualmente a empresa emprega a 11 traballadores.
A actividade fundamental de Compost Galicia é a obtención dun produto que se denomina compost. Trátase dun material inodoro e estable, un nutrinte ecolóxico que mellora a estrutura dos solos e axuda a reducir a erosión, ademais de constituir un fertilizante de calidade para as plantas. Segundo as diferentes clases, o compost emprégase na agricultura ecolóxica e na convencional, en xardinería, viveiros, campos de deportes, cobertura de desmontes, etc.
Unha vez valorizados os lodos mediante procesos de transformación biolóxica totalmente controlados, obtense o producto final, que a empresa comercializa en sacos de diferentes capacidades, ou tamén a granel, para viveiros, cooperativas agrarias e outros clientes. A empresa xestiona os lodos procedentes de depuradoras de augas residuais (EDAR), así como os procedentes de fosas sépticas.
A compostaxe é un proceso biolóxico mediante o cal a materia orgánica é transformada en humus grazas á actividade dos microorganismos que espontáneamente se desenvolven no seu seo. No desenvolvemento do proceso de compostaxe, interveñen distintas clases de microorganismos -basicamente bacterias e fungos- que precisan unhas condicións determinadas para sobrevivir e multiplicarse con rapidez. Así,atacan ás materias orgánicas consumindo osíxeno, e dando como resultado elementos como anhídrido carbónico, auga, calor e produtos oxidados finais máis estables, ricos en materias humufiables, sales minerais e microorganismos beneficiosos para mellorar a estrutura do chan e a vida vexetal.
O compost ten que competir na actualidade cos fertilizantes minerais, pero o uso destes na agricultura está a ser progresivamente reducido polas normativas medioambientais. Actualmente, na agricultura ecolóxica xa só está permitido o aboamento orgánico. O producto de Compost Galicia vai orientado ao mercado almacenista, a clientes como son as cooperativas, os grandes produtores, asociacións, viveiros e grandes superficies.
O préstamo fornecido con fondos BEI que vén de conceder a Compost Galicia o consello de dirección do Igape está destinado ao desenvolvemento da IV fase do proxecto, consistente no proceso final de ensacado da compostaxe, previa criba do mesmo, en catro tipos de sacos para a distribución ao comercio polo miúdo- e para a preparación final para a súa venta a granel. |


