| Compostela Monumental mellora as condicións técnicas e comerciais dos seus asociados |
|
|
Santiago, 12 de febreiro de 2007.- A Asociación Compostela Monumental está levando a cabo diversos proxectos, apoiados polo Igape, para impulsar a mellora competitiva dos negocios dos seus 205 establecementos asociados pertencentes á zona histórica de Santiago. Rede Aberta foi o primeiro deles, que supuxo unha aposta clara do pequeno comercio tradicional polas novas tecnoloxías da información e a comunicación, explica José Manuel Bello, presidente da asociación. No proxecto participaron 160 asociados que pudieron renovar o seu equipamento informático, ter acceso a Internet e dispor dun escaparate na páxina web do seu Centro Comercial Aberto, segundo explica o presidente. Nestes momentos, Compostela Monumental ten en marcha tres proxectos que contan co apoio do instituto a través do Plan de Consolidación e Competitividade da Peme (PCCP). Fidelicompostela, que pon en marcha un sistema de fidelización de clientes no terminal punto de venda por medio dunha tarxeta electrónica de desconto directo á hora de efectuar as compras, Lumicompostela, que permitirá coñecer o estado actual das luminarias dos establecementos comerciais asociados, o consumo das mesmas, e as melloras que se teñen que levar a cabo para optimizar a intensidade lumínica de escaparates, mostradores e locais, así como aforrar no consumo enerxético e Localia, a última destas iniciativas, que contempla a mellora da decoración interior e exterior dos locais comerciais asociados mediante a realización de diagnósticos e estudos de decoración de cada un deles.
Segundo afirma Bello, a posta en marcha destes proxectos foi fundamental para mellorar os nosos procesos de comercialización, modernización e situarnos ao nivel das grandes multinacionais. Sen a axuda do Igape o acceso ás novas tecnoloxías por parte dos nosos asociados sería un 70% menor que na actualidade. Pero ademáis de beneficiar aos seus asociados, a realización destes proxectos deunos prestixio e situounos á vangarda do asociacionismo comercial galego e español. De feito son moitas as asociacións similares á nosa que se poñen en contacto coa oficina técnica de Compostela Monumental para interesarse polos proxectos desenvoltos. Somos un exemplo a seguir en determinadas vilas galegas e españolas, así como do resto de Europa, sinala o presidente. Ese prestixio do que fala José Manuel Bello foi o que levou a Compostela Monumental a conseguir o Premio Nacional de Comercio 2006, concedido polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio o pasado mes de decembro. É a primeira vez en toda a historia que unha institución galega recibe a máxima distinción a nivel nacional neste sector, afirma. Numerosos proxectos para o novo ano O temor de non ter a capacidade suficiente para poder desenvolver os proxectos foi a principal dificultade que xurdiu coa posta en marcha das diferentes iniciativas, segundo explica Bello. Os problemas veñen dados por mor de todo o papeleo que se nos require aos que temos que desenvolver os proxectos, aínda que dende a asociación afirman que os técnicos do instituto axúdannos a despexar todas as dúbidas que xurden ao longo do período de execución dos programas. En máis dunha ocasión son eles mesmos os que nos solucionan os atrancos que aparecen. Cando temos un proxecto en mente, consultámosllo e fannos as recomendacións necesarias sobre a liña de axuda á que acollerse ou o camiño a escoller para acadar a aprobación dos mesmos. De feito, para este ano que acaba de comezar teñen previsto presentar dous novos proxectos que beneficiarán aos asociados de Compostela Monumental. En canto aos plans de futuro da asociación, o seu presidente afirma que pretenden manter este nivel de traballo e mellorar o día a día dos nosos asociados. Neste ano a asociación celebrará o seu XV aniversario e ten previsto estar presente nun gran número de proxectos; desde a responsabilidade social corporativa, centro comercial aberto, calidade, fidelización, reforma de locais comerciais ou dinamización de rúas ata campañas de promoción ou o III Congreso de Compostela Monumental. Temos moitos proxectos, moita ilusión e ganas para este ano que acaba de comezar, afirma Bello. |
|
| Última actualización ( 16/03/2007 ) |


Rede Aberta, Fidelicompostela, Lumicompostela e Localia son as últimas iniciativas postas en marcha pola asociación co apoio do Igape. O apoio do instituto favoreceu o acceso dos pequenos comercios do casco histórico ás novas tecnoloxías e contribuíu á mellora dos seus procesos de comercialización. Compostela Monumental recibiu o Premio Nacional de Comercio 2006 o pasado mes de decembro
Un exemplo de asociacionismo comercial