| Fernández Antonio asina co ICO un convenio para financiar investimentos empresariais en Galicia |
|
O conselleiro de Economía e Facenda e o presidente do Instituto de Crédito Oficial asinaron en Madrid o acordo que permitirá aos empresarios e emprendedores galegos contar con préstamos ao 2 por cento para financiar os seus investimentos. Galicia é a primeira comunidade que asina un convenio que inclúe as catro liñas do ICO para o financiamento de investimentos que poden oscilar entre 25.000 euros e 6 millóns de euros. Madrid, 2 de abril de 2008.- Ningún proxecto de investimento viable quedará sen financiamento en Galicia. Así o explicou o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, hoxe en Madrid, tras asinar un convenio que permitirá ás pequenas e medianas empresas obter préstamos ICO en condicións vantaxosas para os seus proxectos de investimento en Galicia. O Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), segundo explicou o conselleiro, apoiará en 2008 préstamos das catro liñas ICO para financiar investimentos en Galicia por 400 millóns de euros.
Polo acordo que asinaron José Ramón Fernández Antonio e o presidente do ICO, Aurelio Martínez Estévez, o Igape apoiará a concesión de préstamos con xuros moi competitivos, que poden situarse no 2%. Esta iniciativa enmárcase na política impulsada pola Xunta de Galicia a través do Igape e da xestora de fondos de capital risco Xesgalicia que, segundo explicou o conselleiro, contribuirán este ano a impulsar o investimento empresarial en Galicia con 712 millóns de euros entre apoios directos e compartidos con outras entidades como Incentivos Rexionais, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio (MYTIC), o Instituto de Crédito Oficial (ICO) ou a Sociedad Estatal de Promoción y Desarrollo Industrial (Sepides).
O acordo asinado hoxe co ICO contempla catro liñas de financiamento (Peme; Crecemento; Emprendedores; e Internacionalización) e, segundo recoñeceu o presidente do ICO, Galicia é a primeira comunidade en asinar un convenio sobre as catro liñas do Instituto. Este convenio será firmado próximamente polas entidades financeiras colaboradoras. As operacións previstas poden cubrir un máximo do 90% dos investimentos impulsados por emprendedores ou microempresas; do 80% dos investimentos impulsados por pemes; e do 70% no caso da liña Crecemento. Ademais, o financiamento terá o máximo apoio previsto polo Igape cando os investimentos se vaian realizar nalgún dos 262 concellos galegos considerados localización preferente (municipios acollidos ao Plan de Reequilibrio Territorial de Galicia; municipios de Ferrol, Eume e Ortegal; da Costa da Morte; e da comarca de Valdeorras). As catro liñas de financiamento son as seguintes:
Liña Peme
Dirixido a: Pemes Importe préstamos: entre 25.000 euros e 1,5 millóns de euros. Achega do Igape: Subvención do 0,65% do tipo fixado polo ICO ou sobre o euríbor (0,9% se o préstamo está avalado por unha SGR). O apoio será de 2,65 puntos para os concellos considerados localización preferente (2,9 con aval SGR). Liña Crecemento
Dirixido a: Pemes con máis de 50 traballadores. Importe préstamos: entre 25.000 euros e 6 millóns de euros. Achega do Igape: Entre o 0,65% e o 2,9% en función da localización e do aval da SGR. Tipos baseados no ICO ou no Euríbor +0,75. Liña Emprendedores
Dirixido a: Emprendedores e pemes creadas con posterioridade ao 1 de xaneiro de 2007 e con menos de 50 traballadores. Importe préstamos: entre 25.000 euros e 200.000 euros. Achega do Igape: Entre o 0,65% e o 2,9% en función da localización e do aval da SGR. Liña Internacionalización Dirixido a: Proxectos no exterior de pemes galegas. Importe préstamos: entre 25.000 euros e 1,5 millóns de euros. Achega do Igape: Entre o 0,65% e o 0,9% en función do aval da SGR. |
|
| Última actualización ( 15/04/2008 ) |


O conselleiro de Economía e Facenda e o presidente do Instituto de Crédito Oficial asinaron en Madrid o acordo que permitirá aos empresarios e emprendedores galegos contar con préstamos ao 2 por cento para financiar os seus investimentos. Galicia é a primeira comunidade que asina un convenio que inclúe as catro liñas do ICO para o financiamento de investimentos que poden oscilar entre 25.000 euros e 6 millóns de euros. 