Fernández Antonio salienta que o número de grandes proxectos recibidos no Igape medrou nun 140% PDF
ImageO conselleiro de Economía e Facenda asinou un convenio con Afigal e Sogarpo polo que destinará 6 millóns de euros ao reforzamento das sociedades de garantía recíproca, o que permitirá incrementar en 30 millóns de euros o financiamento ás pemes galegas. Fernández Antonio destacou que a medida está enmarcada no Acordo pola Competitividade asinado o pasado luns, e lembrou o papel determinante que xogan as SGRs no financiamento empresarial.
 
Santiago, 9 de xullo de 2008.- Os grandes proxectos presentados ante o Igape nos cinco primeiros meses deste ano elévanse a 72, o que significa un incremento do 140% respecto ó ano pasado; cun investimento asociado de 222 millóns de euros, un 213% máis. Así o explicou o conselleiro de Economía e Facenda e presidente do Igape, José Ramón Fernández Antonio, tras a sinatura dun convenio de colaboración coa directora xeral da Sociedade de Garantía Recíproca da Pequena e Mediana Empresa de Pontevedra e Ourense (Sogarpo), Margarita Fernández e o director xeral de Afianzamentos de Galicia (Afigal), Manuel Alonso. “A economía galega mantén neste momento unha importante actividade, e aínda que existen problemas hai un dinamismo que se materializa en novos proxectos e en proxectos de consolidación” afirmou o conselleiro. Neste sentido, engadiu, ”o papel da administración pública é o de apoiar e fomentar o investimento empresarial”, con iniciativas como o apoio ás SGRs galegas que “están xogando un papel determinante de axuda ó financiamento, nun momento no que existen no mercado internacional importantes restricións financeiras”.
 
O convenio asinado esta mañá supón unha achega de 6 millóns de euros a Afigal e Sogarpo, e terá un importante efecto multiplicador porque permitirá “facilitar afianzamentos ás pemes galegas por valor de 30 millóns de euros”, explicou o conselleiro. O convenio facilita o financiamento dos proxectos de investimento empresarial que contribúan á mellora da competitividade das pemes, e enmárcase, segundo sinalou Fernández Antonio, no Acordo pola Competitividade 2008-2001 asinado o pasado luns entre a Xunta, os sindicatos UGT e CC OO e a Confederación de Empresarios de Galicia. Avánzase así na estratexia de promoción empresarial e potenciación dos instrumentos de apoio financeiro desenvolvida pola Consellería de Economía e Facenda e orientada a reforzar os apoios ao investimento, fomentar a cooperación empresarial e a internacionalización, e impulsar a competitividade e produtividade das empresas e a creación de emprego.
 
Proxectos de investimento
Fernández Antonio destacou tamén a existencia de importantes sectores en Galicia como o naval, o do automóbil, o das enerxías renovables ou o turístico. A modo de exemplo sinalou, neste último ámbito, un recente proxecto apoiado polo Igape –Hórreos del Camino- para a construción de 7 novos hoteis de catro estrelas, que se situarán en Arzúa, O Pino, Palas de Rei, Pedrafita, Portomarín, Sarria e Triacastela. Cun investimento de 22 millóns de euros, e unha axuda do Igape de 2,6 millóns de euros, o proxecto contribuirá a diversificar a oferta turística de Galicia nun sector que está tendo unha evolución altamente positiva medrando a taxas que duplican a media española.
Última actualización ( 17/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design