Convocados os premios para promover a competitividade en Ferrol a través da creatividade aplicada PDF
Impulsar a mellora da competitividade empresarial nas comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal a partir da creatividade aplicada á innovación dos procesos e produtos é o obxectivo principal dos premios ás iniciativas para o fomento da creatividade aplicada que o Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) ven de convocar na súa II edición. Segundo as bases publicadas hoxe no Diario Oficial de Galicia, o prazo de presentación de iniciativas, de 45 días naturais, remata o día 11 de maio.
 
Santiago, 24 de marzo de 2009.- Neste ano 2009, declarado pola Unión Europea como Ano Europeo da Creatividade e a Innovación, os premios ás iniciativas de creatividade aplicada constitúen unha actuación impulsada ao amparo do convenio asinado polo Igape –no marco do Plan Integral de Desenvolvemento de Ferrol, Eume e Ortegal-, as tres universidades galegas e a Asociación Impulsora do Plan Ferrol (AIPF); un convenio que procura, mediante un esforzo coordinado e conxunto, elevar o nivel socioeconómico, cultural, formativo e tecnolóxico das comarcas de Ferrolterra mediante a dinamización da creatividade persoal e a relación científica e tecnolóxica entre as institucións educativas, os centros tecnolóxicos e as empresas produtivas. 
 
Segundo a convocatoria publicada hoxe no Diario Oficial de Galicia, o Igape premiará iniciativas ou propostas creativas que poidan conducir a un novo produto ou servizo, á mellora dos existentes, á implantación de novos proxectos e ao aumento da capacidade competitiva das empresas, do capital humano e do territorio. As actuacións amparadas neste marco deberán incidir directamente dentro do Plan de desenvolvemento integral  das comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal, sen que iso exclúa que poidan beneficiar tamén a outros territorios ou ao conxunto da sociedade.
 
Actividades prioritarias
As actividades prioritarias para estas iniciativas de creatividade aplicada están entre as contempladas no Plan Integral de Desenvolvemento das Comarcas de Ferrol, Eume e Ortegal que coordina o Igape: enerxías alternativas, loxística, industria naval, turismo e medio ambiente e natureza. Non obstante, tamén poderán acollerse a esta convocatoria calquera outra actividade ligada ao coñecemento, que non exista na zona pero que poida implantarse nun prazo medio, e calquera outra iniciativa que sirva aos obxectivos do convenio de colaboración.
 
Poderán optar aos premios a iniciativas de creatividade aplicada persoas físicas e xurídicas, departamentos  universitarios e centros tecnolóxicos de calquera ámbito territorial, segundo os requisitos detallados nas bases reguladoras.
Última actualización ( 30/04/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design