Corenta empresas galegas poderán incorporar innovación vía deseño no marco do programa “adñ” PDF
No marco do programa promovido por Enisa, apoiado pola Consellería de Economía e Industria e desenvolvido en Galicia en colaboración co Igape, o itinerario adñ constitúe unha iniciativa tutelada e individualizada que, ao longo dun ano, afondará nos procesos internos de deseño e innovación de cada empresa participante. A presentación da nova convocatoria será nunha sesión informativa aberta que se desenvolverá en datas próximas por determinar.
 
Santiago, 30 de setembro de 2010.- A consellería de Economía e Industria apoiará, a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a incorporación da innovación e o deseño ás pemes galegas no marco do programa adñ, promovido pola Empresa Nacional de Innovación (ENISA), dependente do Ministerio de Industria. As empresas interesadas en incorporarse ao programa adñ, e o seu correspondente itinerario cara ao deseño e a innovación, poderán coñecer en detalle esta iniciativa participando na xornada informativa de presentación, que se desenvolverá en datas próximas. Este encontro non poderá desenvolverse o 7 de outubro no Hotel Porta do Camiño, en Santiago de Compostela, como estaba previsto. Proximamente será comunicada a nova data fixada para esta xornada de presentación.
 
Neste encontro informativo participarán representantes de dúas empresas acollidas á primeira edición do programa  para contar cómo esta iniciativa lles serviu para a procura de novos produtos e o deseño e desenvolvemento dos mesmos. Na nova convocatoria do programa “adñ” poderán participar arredor de corenta empresas galegas.
 
O chamado itinerario adñ consiste nun conxunto de actuacións tuteladas por consultores especializados e destinadas a facilitar a implantación dunha xestión efectiva do deseño e a innovación na esencia das sociedades participantes. As características esenciales do programa adñ poden ser consultadas na páxima web www.programaadñ.es , dirección onde, a partir da presentación do programa en Galicia, as empresas interesadas poderán solicitar a súa inscrición nesta segunda e última convocatoria do programa.
  
O programa adñ e o itinerario correspondente forman parte dun amplo conxunto de actuacións que agrupan diversas iniciativas de promoción de boas prácticas empresariais, difusión do coñecemento e actuacións directas con empresas no ámbito do deseño e a innovación como medios para a creación de valor, para a mellora da competitividade e para facilitar un crecemento económico sostido das pemes.
 
Durante o desenvolvemento desta iniciativa as empresas galegas inscritas terán a oportunidade de desenvolver unha reflexión estratéxica innovadora e serán tuteladas e acompañadas no proceso para acometer o deseño dun novo produto ou servizo aliñado coa súa estratexia de negocio.
 
O programa adñ parte de constatar que actualmente as empresas non poden competir unicamente en custos, que é necesario estimular a demanda desenvolvendo produtos e servizos diferenciados, de alto valor engadido e adaptados ás necesidades dos clientes. Os métodos e procesos propios do deseño facilitan a exploración e o desenvolvemento de novos escenarios de negocio, novos produtos ou servizos e novas fórmulas para xerar valor.
 
Última actualización ( 30/09/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design