Medio cento de empresas da Costa da Morte agrúpanse co apoio do Igape para gañar competitividade PDF
Un dos proxectos impulsados de xeito colectivo promove novas ofertas con  paquetes turísticos orientados a minimizar a estacionalidade das visitas. O Igape, dependente da Consellería de Economía e Facenda, apoia así unha nova iniciativa de carácter colectivo destinada mellorar a xestión empresarial e promover melloras na competitividade.
 
Santiago, 9 de xaneiro de 2009.- Preto de medio cento de empresas de diversos sectores situadas en varios concellos da Costa da Morte agrupáronse en redes de cooperación para promocionar a capacidade da bisbarra como destino turístico e de acollida de visitantes. A iniciativa, impulsada por Adterra, unha asociación que promove accións de desenvolvemento no medio rural galego, conta co apoio do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que destinou case 120.000 euros, durante dous anos, a sendos proxectos que fomentan a colaboración e a unión de sinerxías para dinamizar un territorio con gran potencial.
 
“Era preciso consolidar unha rede interempresarial que xerase novas ofertas turísticas”, explica Rosa Leis, coordinadora de Adterra. Cando presentaron o proxecto ao Igape partían de cero. “Propúñamos crear fórmulas de cooperación onde non había nada”, lémbrase. Tiñan o exemplo francés. Alí hai boas experiencias de redes entre empresas do ámbito rural e propuxéronse replicar o modelo nos concellos da Costa da Morte. Partían tamén da experiencia adquirida por Adterra, que tivo o seu embrión nos Centros de Promoción Rural (CPR-EFA) de Galicia, un proxecto educativo para o medio rural que derivou na asunción doutras actuacións, en iniciativas con cooperativas e concellos para ofrecer opcións de conciliar a vida familiar e profesional ou promover a igualdade de oportunidades.
 
ImageAdterra teceu desde 2001 unha rede de contactos e un estilo. “Non somos unha consultoría, somos un organismo intermedio que preparamos e implementamos os proxectos coa xente e propiciamos que se presenten a convocatorias. Traballamos como actores do desenvolvemento”, defende Rosa Leis, e explica que en moitas ocasións tópanse cun individualismo complicado de franquear. “Non hai tradición de traballar en proxectos cooperativos e como consecuencia diso non se dinamizan os territorios”.
 
Pero na Costa da Morte as cousas están a mudar. A partir do Centro de Promoción Rural-EFA Fonteboa de Coristanco, Adterra contactou con empresas que podían dar un pulo á oferta turística da comarca. Non traballaban nun contexto sinxelo, pero atoparon resposta nun grupo de pemes que creron que podían ser máis  fortes mediante a unión de esforzos. Naceu así unha Rede de Cooperación Interempresarial para promocionar o turismo rural e de acollida, unha primeira experiencia exitosa porque serviu, por exemplo, para crear novas ofertas de paquetes turísticos que minimicen a estacionalidade das visitas e que abriu o camiño a proxectos relacionados coa gastronomía, o patrimonio ou a natureza. No caso de Cabana de Bergantiños, por exemplo, creáronse paquetes turísticos con estancias de diferente duración que integran un circuíto de visitas ou o contacto coa cultura, o patrimonio natural ou os oficios da zona.
 
Ámbito intersectorial
Pero unha segunda experiencia finalizará este ano cunha rede aínda maior. “Agora xa nos saímos do sector do turismo rural e traballamos nun ámbito intersectorial”, puntualiza Rosa Leis. A finalidade é idéntica: dinamizar a oferta de lecer da comarca, pero xa incumbe a empresas hostaleiras, do transporte, os deportes náuticos, a horticultura, a artesanía ou o comercio. Sobre a base da cooperación xa non se quere dar só servizo ao cliente ou ao visitante senón tamén ás propias empresas participantes, que disporán de asesoramento para identificar necesidades tecnolóxicas e dun software de xestión, unha plataforma que tamén serve para saber índices de ocupación ou xestionar paquetes turísticos á carta. “Os pequenos empresarios déronse conta que por separado era imposible ser competitivos e o triste é que a xente non se coñecía”, láiase a coordinadora de Adterra.
 
As pemes participantes proceden de Muxía, Fisterra, Cee, Camariñas, Laxe, Ponteceso, Cabana de Bergantiños, Vimianzo e Coristanco. Comezaron quince e agora están na rede case medio cento. “Resta moito traballo”, advirten desde Adterra. Falta abordar unha estratexia de comercialización conxunta dunha oferta da que se sentaron as bases. “Apenas levamos dous anos de traballo”, resume Rosa Leis, pero xa contan con importantes apoios. Para lanzar a segunda rede de cooperación para innovar no desenvolvemento de acollida local contan co financiamento do Igape, que asume o 50% do orzamento, e tamén cunha colaboración de Inditex. “Traballar con ambos é unha porta aberta -recoñece Leis- porque no caso do Igape supón un aval de face ás propias empresas, que nun principio ven este tipo de axudas como algo afastado, pero que ao final se convencen de que están á súa disposición”.
 
Non hai final para todas estas actuacións. En Adterra falan dunha vocación perenne aínda que, de paso, fan balance e no resumo ven que se conseguiron establecer nexos de cooperación entre empresas, que estas aprenderon a traballar xuntas, motiváronse para lanzar novos proxectos, aumentaron a súa autoestima e a súa capacidade para innovar. E, sobre todo, conseguiron chegar a máis público.
Última actualización ( 20/04/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design