| O deseño industrial en Galicia mellora a competitividade das empresas fronte á produción exterior |
|
|
Os profesores de enxeñaría da Universidade de Vigo, Ernesto Roa Corral e Teresa Martínez Taboas, darán a coñecer as boas prácticas detectadas en empresas galegas consideradas excelentes neste campo. Ascensores ENOR ou o estaleiro Rodman Polyships son exemplos da utilización estratéxica do deseño industrial en Galicia
Santiago, 21 de febreiro de 2007.- O vindeiro 22 de marzo celébrase no Pazo de Congresos de Santiago a segunda edición do Día Galego do Emprendedor (http://www.diaemprendedor.com), organizado de forma conxunta polo Igape e Bic Galicia. No marco deste evento vanse abordar oportunidades de negocio en sectores que están a despuntar en Galicia, como o caso do deseño industrial. Os profesores de enxeñaría da Universidade de Vigo, Ernesto Roa Corral e Teresa Martínez Taboas, darán a coñecer as boas prácticas detectadas en empresas galegas consideradas excelentes neste campo. Son autores da publicación O deseño industrial. Importancia estratéxica, onde abordan diferentes sectores como o náutico, o deseño de maquinaria, o cerámico ou o automobilístico. Os profesores manifestan que o deseño industrial é un elemento diferenciador que permite ás empresas desenvolverse en mercados tan dinámicos como os actuais. Aseguran que mellora a competitividade e que se trata dun dos recursos estratéxicos máis poderosos que existen nestes momentos. O proceso de deseño é a única maneira de proporcionar aos clientes o servizo necesario para paliar o efecto de posibles competidores exclusivamente baseados no prezo, sobre todo no caso de producións masivas procedentes doutros países. Así, o produto adquire un valor adicional, que é a innovación -declara o profesor Ernesto Roa-. O experto afirma que se trata de fomentar o coñecemento, o desenvolvemento de ideas novas para favorecer a competitividade das nosas empresas fronte ao mercado exterior. Durante o evento os enxeñeiros ofrecerán exemplos de utilización estratéxica do deseño industrial en empresas galegas. É o caso de Ascensores ENOR -ascensores para o transporte de persoas e mercancías-, Industrial Recense -desenvolvemento de pezas industriais- ou Rodman Polyships -deseño e fabricación de embarcacións náuticas-. Pola súa parte, tamén no marco do II Día Galego do Emprendedor, Elisa Sáinz, conselleira delegada de DDI -Sociedade Estatal para o Desenvolvemento do Deseño e a Innovación-, abordará a importancia actual do deseño industrial. Ascensores ENOR ocupa un posto destacado no sector da construción naval en España Un dos exemplos galegos que os expertos consideran destacable na utilización estratéxica do deseño industrial é a empresa Ascensores ENOR. Situada en Vigo, está especializada no deseño, fabricación, montaxe e conservación de elevadores. A súa produción atende as necesidades do transporte vertical para todo tipo de instalacións, dende as vivendas ata a construción naval, sector no que ocupa un posto privilexiado no ámbito nacional. ENOR deseña e fabrica produtos para diversas finalidades: para pasaxeiros, para carga e outros produtos como escaleiras mecánicas, portas automáticas e mesmo control de accesos, entre outros. Nos últimos anos a empresa realizou un esforzo importante en innovación dos seus produtos en tres áreas significativas: electricidade, mecánica e naval. Un dos froitos máis importantes do esforzo realizado en I+D+i é o desenvolvemento dunha gama completa de ascensores sen sala de máquinas, adaptados a diferentes usos e aplicacións. Entre outros logros da empresa, como consecuencia da aplicación estratéxica do deseño industrial, destaca o desenvolvemento de equipos destinados para buques militares. A firma galega subministrou ascensores ás fragatas españolas e tamén ás fragatas norueguesas. |
|
| Última actualización ( 07/03/2007 ) |


