Fernández Antonio anima aos mozos a asumir riscos a partir de actitudes de confianza e inconformismo PDF
ImageDurante a súa intervención no III Día do Emprendedor, o conselleiro de Economía e Facenda salientou o papel da administración no apoio aos emprendedores en formación, asesoramento e financiamento co obxectivo de transformar as ideas en proxectos viables. Fernández Antonio destacou o apoio do Igape mediante préstamos e avais para procurar que todos os proxectos viables teñan financiamento, e lembrou que BIC Galicia facilita formación en creación de empresas dende a escola ata a universidade.
 
Santiago, 15 de maio de 2008.- O fomento da cultura emprendedora e o apoio á posta en marcha de novas iniciativas empresariais é unha das prioridades do Goberno galego, segundo explicou hoxe o conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, quen destacou o crecente papel da muller no emprendemento. O conselleiro presidiu a sesión plenaria do Día do Emprendedor celebrado hoxe no Palacio de Congresos e Exposicións de Galicia, en Santiago de Compostela, onde salientou a importancia de que os mozos teñan unha actitude inconformista, de ter unha posición crítica de mellora e innovación, e asuman riscos a partir da confianza neles mesmos e no futuro. “Trátase de elementos fundamentais na creación de valor e de riqueza para o noso país”, resumiu.  Fernández Antonio tamén subliñou a importancia que están a ter as mulleres no emprendemento, no estudio, na formación e na creatividade, e animou a seguir nesa liña cunha mentalidade global e con esforzo e espírito de logro.
 
ImageDende a Administración, pola súa banda, xógase o papel de facilitador de servizos e axudas para acompañar aos emprendedores no proceso de impulsar novos proxectos. Neste sentido, o conselleiro e presidente do Igape lembrou os instrumentos de que dispón a Consellería de Economía e Facenda neste ámbito. A través de BIC Galicia facilítase formación e asesoramento especializado que é moi importante para promover o espírito emprendedor dende a escola ata a universidades e para axudar á transformación das ideas en plans concretos. A través de Xesgalicia, explicou Fernández Antonio, facilítase o apoio financeiro co obxectivo de “ser os vosos socios nas fases iniciais dos proxectos”. A xestora de fondos de capital risco dispón do Fondo Emprende e puxo en marcha os Fondos Semente, o Capacita -orientado a proxectos promovidos por persoas con discapacidade- e participa en I+D Unifondo –en colaboración coa Universidade de Santiago- e en Unibiofocus –orientado a compañías en fase de arranque ou expansión dedicadas ao ámbito da biotecnoloxía-.
 
En canto aos apoios financeiros, Fernández Antonio aludiu ás liñas de préstamos e avais do Igape. Os préstamos Igape –dotados con 40 millóns de euros este ano- contan con tres liñas: a de microcréditos: a liña Peme Xove; e a liñas Peme Competitiva. Igualmente, o Igape asinou un convenio co Instituto de Crédito Oficial (ICO) nas catro liñas de que dispón este organismo entre as que se inclúe unha liña específica para emprendedores con préstamos entre 25.000 e 200.000 euros. “Procuraremos que todos os proxectos viables conten con financiamento en Galicia”, asegurou o conselleiro. “Son as vosas ideas, proxectos e empresas as que se teñen que converter nunha fonte de riqueza, emprego e de crecemento para Galicia, e as que nos permitirán seguir creando país”, concluíu.
 
ImageA túa idea, a túa empresa
A terceira edición do Día Galego do Emprendedor celebrouse no Palacio de Congresos de Santiago de Compostela. A iniciativa, organizada polo Instituto Galego de Promoción Económica (Igape) e BIC Galicia, forma parte da campaña nacional “Emprendemos Juntos” do Ministerio de Industria, Turismo e Comercio e baséase no recoñecemento de que o fenómeno emprendedor exerce un forte impacto sobre a creación de postos de traballo, sobre a innovación e o desenvolvemento económico no seu conxunto. O Igape dispón de ampla experiencia neste eido, como principal instrumento para a promoción e o fomento do investimento produtivo en Galicia.
 
Durante o III Día Galego do Emprendedor, que se desenvolveu baixo o lema “A túa idea, a túa empresa” e que contou coa participación de mais de 2.000 persoas , houbo talleres, mesas redondas e intervencións de relatores especializados en materias variadas e sempre relacionadas coa creación e consolidación de empresas, así como actividades lúdicas destinadas aos máis novos. Na sesión plenaria, ademais do conselleiro de Economía e Facenda, José Ramón Fernández Antonio, participou Ignacio de la Vega, directivo do Instituto de Empresa e coordinador para España  de denominado informe GEM, no que colabora cada ano a sociedade do Igape BIC Galicia e que constitúe un verdadeiro observatorio sobre o emprendemento a nivel internacional.
 
Na xornada participou Guillem Perdrix, experto en creación de empresas, profesor da Universidade Politécnica de Cataluña e consultor homologado pola Generalitat. Durante a súa intervención tratou de demostrar que na actualidade tamén se pode crear unha empresa cunha inversión pequena, só con 10.000 euros, xa que o único que fai falta é ter unha boa idea, boas capacidades e un perfil emprendedor.
 
Guillem Perdrix puxo de manifesto que tanto se tes unha idea propia como se non dispós dela, por exemplo a través dunha franquicia, o importante é a capacidade de xestionar. Nesta liña, declarou que cunha inversión mínima pódense crear microempresas con garantías de éxito, aínda que convén ter en conta que o mercado tamén é selectivo, non pode entrar calquera, só aquilo que se demande en cada momento.
 
O profesor catalán afirmou que, á hora de crear unha empresa, moita xente se frea porque non sabe de onde sacar o diñeiro para o seu proxecto, porén a posta en marcha dun negocio non debe basarse nas posibles axudas que se poidan recibir. Recoméndase que o proceso de búsqueda de financiación sexa anterior á posta en marcha da empresa. Para isto están os plans de empresa, que permiten coñecer con anterioridade as necesidades que vai ter o emprendedor para dar forma a súa idea.
 
O experto declarou que “en estos momentos, a los emprendedores que quieran lanzarse a la creación de una empresa les pediría que se formulasen dos preguntas. Por un lado, si en el sector en el que quieren entrar queda potencial de beneficio y, por otro lado, si se encuentran en una posición competitiva dentro del sector. Si se cumplen estos dos requisitos, adelante, sino es imposible”.
Última actualización ( 17/03/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design