Dimef Ingeniería achega solucións de deseño industrial e desenvolvemento ás empresas galegas PDF
ImageA compañía conta con dúas liñas de negocio: o deseño industrial e a distribución e venda de software especializado na xestión empresarial. A industria de Ribadeo caracterízase polo emprego das últimas tecnoloxías para a fabricación dos seus produtos

Santiago, 05 de febreiro de 2007.- Dimef Ingeniería é o nome da empresa creada por Fernando Lizuain, Antonio Pacheco e Ignacio Iturregui en Ribadeo. Dimef, que contou coa axuda do Igape, a través do programa Emprendedores, ten dúas liñas de negocio diferenciadas: por un lado está o deseño industrial e por outro o software especializado para o deseño e desenrolo de produtos. A empresa, que comezou a funcionar no mes de outubro de 2005, dentro da súa primeira liña de actividade presta servizos de consultoría, así como de deseño nos sectores aeronáutico, naval e clínico-hospitalario, mentras que na segunda liña ofrece aplicacións para sistemas de deseño e desenvolvemento de produtos “PDS”, asi como xestion empresarial con solucións integrais “PLM”.

A empresa naceu cando dous antigos compañeiros de traballo, Lizuain e Pacheco, decidiron crear o seu propio negocio ante “a pouca posibilidade de evolución” que tiñan dentro da empresa onde ámbolos dous traballaban, explica o primeiro. Ribadeo foi o lugar elixido para acoller a sede da sociedade porque, segundo explica o seu promotor, estaba calificada como “zona de urxente reindustrialización”, un feito que ía beneficiar a futura actividade da empresa.

Asesoramento e apoio

O Igape, a través do programa Emprendedores, prestou apoio aos novos empresarios para que puidesen levar a cabo a súa iniciativa. Fernando explica que acodiron ao instituto na busca de asesoramento para poñer en marcha o seu propio negocio. Alí presentáronlles “varias opcións e o programa que máis se axustaba á nosa idea era o de Emprendedores”, explica o promotor. O titor asignado polo instituto prestoulles axuda e apoio “a nivel profesional, técnico e humano” para poder sacar adiante o seu proxecto, asegura Lizuain. Ademais desta axuda, o empresario tamén tivo a oportunidade de participar nalgún seminario de formación organizado polo Igape.

Fernando Lizuain explica que o máis complicado á hora de comezar a traballar foron as “cambadelas e o acoso” que sufriron por parte da súa antiga empresa, que non lles puxo nada fácil o comezo do súa andadura empresarial. Ademais, os emprendedores recoñecen que “o tema burócratico tamén foi bastante costoso”. Despois de levar máis dun ano de actividade, a principal dificultade para Dimef é “a selección de persoal cualificado”, algo que non resulta moi doado, segundo apunta Lizuain.

Produtos de última xeneración

As dúas liñas de negocio de Dimef caracterízanse por buscar produtos de “última xeneración”, explica Fernando. A súa liña de deseño industrial baséase en “deseños moi innovadores”, aplicados a calquera tipo de mobiliario para buques de guerra e hospitais, asi como pezas metálicas específicas do sector aeronáutico. Estes produtos altamente innovadores son resultado de colaboracións establecidas con “diferentes provedores e empresas do sector naval e aeronáutico”, apunta Lizuain.

Coa súa liña de software de xestión do ciclo de vida do producto (PLM), os promotores de Dimef buscan “axudar ás empresas a medrar”. Trátase dun sistema “pouco implementado aquí” pero que fai das pemes “empresas punteiras”, explica Fernando. É unha aplicación pensada tamén para “compañías con varias delegacións, que facilita a comunicación interna” das mesmas, apunta, “temos así unha liña de consulting empresarial que axuda ao desenvolvemento das compañías”. O que pretenden conseguir dende Dimef é “mellorar e asesorar” ás industrias, así como contribuir a “engadirlles valor”.

Neste momento, na empresa están a traballar catro persoas pero recoñecen que “é difícil sacar e desenvolver novos produtos con poucos medios”. O seu grado de “profesionalidade e a alta cualificación do seu capital humano” fan de Dimef unha “empresa competente” dentro do sector, explica Lizuain.

Última actualización ( 08/03/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design