| Ecocelta e Blusens acadan o premio transfronteirizo á excelencia empresarial da Fundación Ceo |
|
|
O director xeral do Igape, José Antonio Delgado Arce, foi o presidente do xurado encargado de conceder este premio da Fundación CEO. Dezasete empresas de toda Galicia e o Norte de Portugal foron distinguidas co Premio Transfronteirizo á Excelencia Empresarial
Ourense, 8 de marzo de 2007.- As empresas Blusens e Ecocelta, firmas coruñesa e pontevedresa respectivamente, obtiveron o Premio Transfronteirizo á Excelencia Empresarial na categoría de Novos Emprendedores, durante a Terceira Edición dos galardóns concedidos pola Confederación Empresarial de Ourense (CEO) a través da súa Fundación. O xurado desta categoría estivo presidido polo director xeral do Igape, José Antonio Delgado Arce, e optou pola concesión do premio ex aequo, á vista dos méritos dos candidatos.. Outras quince empresas das catro provincias galegas e do Norte de Portugal resultaron premiadas nas categorías de Internacionalización, Responsabilidade Social Corporativa e Innovación. O presidente da CEO, Francisco Rodríguez, quixo resaltar a solidez e o carácter emprendedor das máis de 200 pemes que optaron aos Premios Transfronteirizos á Excelencia Empresarial. Ademais do director xeral do Igape, Delgado Arce, os catro xurados que avaliaron as candidaturas contaron coa presenza de outras personalidades da vida económica da eurorrexión, entre eles distintos directores xerais como o de I+D, Salustiano Mato, o de promoción do emprego, Álvaro Ansias, representantes da Universidade de Vigo e os delegados provinciais das consellerías de Traballo, Industria e Medio en Ourense. Tamén asistiron ás deliberacións o presidente da Confederación de Empresarios de Galicia, Antonio Fontenla, e diversos representantes das confederacións empresariais galegas e de BIC Minho. A entrega dos premios celebrarase a mediados de abril no Auditorio de Ourense, nun acto que volverá reunir a un bo número de autoridades e de representantes do ámbito empresarial galego. |
|
| Última actualización ( 23/03/2007 ) |


