Ecocelta innova en Galicia coa produción e aplicación de abonos ecolóxicos de calidade PDF
ImageEcocelta conseguiu que boa parte das adegas pontevedresas deixasen de acudir a Francia para se abastecer. A iniciativa, premiada por varias entidades, naceu fai tres anos grazas ao apoio do Igape, que ademais segue colaborando na mellora competitiva da sociedade. Ecocelta inviste en I+D e estuda aplicacións para o humus de lombriga en campos como a xardinaría ou a recuperación de cháns degradados por explotacións de lousa ou incendios forestais.

Santiago, 02 de outubro de 2006.- Dende a súa fundación, en 2003, Ecocelta  conseguiu medrar e consolidarse como empresa innovadora, recoñecida e pioneira na produción e aplicación  en Galicia de abonos ecolóxicos elaborados a partir da cría de lombriga. Esta iniciativa emprendedora, que contou co apoio do Igape a través de diversas liñas de axuda, estuda novas posibilidades de mercado referidas á aplicación de abonos ecolóxicos en campos como a obtención de patacas de mellor calidade, a recuperación de solos degrados como consecuencia dos incendios forestais ou da extracción mineira.

A vida de Sergio Quiroga Rivero deu un envorco en apenas cinco anos. Aínda lembra o día exacto –“4 de abril de 2001”- que aterrou en Galicia procedente de Bos Aires, onde nacera. Viña a Ponteareas, o pobo da súa nai, nun regreso ao pasado propiciado pola convulsa situación que se vivía na Arxentina. Debaixo do brazo, a titulación de enxeñeiro agrónomo, a ilusión de exercela, pero tamén unha certeza: “traballar no que viñese”. Quiroga atopou unha oportunidade no seu, porque o Concello de Ponteareas contratouno para realizar o mantemento dun parque forestal. Foi entón cando empezou a darlle voltas a unha idea que xa manexaba na Arxentina, a de xerar abonos ecolóxicos de máxima calidade a partir dun tratamento de residuos respectuoso co medio ambiente.

Era o embrión do que agora é Ecocelta, primeira e única empresa en Galicia que acomete -segundo o promotor- a produción e a aplicación de abonos orgánicos, referencia para outras iniciativas que xorden noutras partes de España e que acoden a Ponteareas a ilustrarse. Ecocelta tamén é responsable de que boa parte das bodegas da zona deixasen de acudir a Francia para abastecerse de abono de calidade.

Aquel emprego no parque forestal abriu o camiño. “Sacabamos eucaliptos para refrestar con carballos e, abofé, xerábanse uns residuos que non se aproveitaban. Pedín permiso para levalos a unha leira e alí os reciclei para criar lombrigas”, lembra. Pronto obtivo un humus de calidade. “Tiven que poñerme a pensar que facía con el, pero xusto nese momento saíu unha promoción de cursos para emigrantes retornados que quixesen establecerse pola súa conta, apunteime e en tres meses xa tiña desenvolvido un proxecto de negocio para comercializalo. Dicíanme que era unha actividade rara, pero logrei varias axudas e contactei co Igape para solicitar un microcrédito, que me servíu para mercar un camión e unha furgoneta”, apunta Sergio Quiroga.

A experiencia de Ecocelta foi, en moitos aspectos inédita, pois foi a primeira firma que se constituíu na provincia de Pontevedra, tamén a través do Igape, como Sociedade Limitada Nova Empresa. En apenas dous días resolveu os trámites e púxose a traballar. “Nunca fixera unha sociedade, vin que era unha posibilidade rápida e cunha achega menor de capital. Era o que necesitaba. Tiña un par de clientes, traballaba de xeito moi artesanal, pero a pouca produción de humus que tiña sacábanma das mans e iso deume enerxía”.

A venda do produto

Con todo, restaba moito por facer. “Este negocio non é como unha cafetaría, que a abres e xa chegan os clientes. Aquí tes que realizar un labor comercial, de mercadotecnia, dar produto para que a xente o probe”, explica. Polo menos tiña a certeza de que ofrecía algo que non existía en Galicia e ese factor diferencial era un punto a favor, un aspecto que tampouco garantía o éxito porque a introdución da lombricultura en Galicia fracasara cando Quiroga apenas era un neno. “Aquel auxe chegou de Italia -explica- fará uns quince ou vinte anos e atrapou a moita xente que fixo investimentos e perdeu todo. O abono era bo, pero entón non existía tanta conciencia polo medio ambiente como agora e os prezos dos abonos químicos eran moi económicos. Fracasou a parte comercial, tamén”. Agora o escenario trocou. O humus de lombriga é un abono revalorizado que recicla os residuos orgánicos e con propiedades que axudan ao crecemento de todo tipo de plantas; é máis económico e rendible, asegura, e ademais é apto para aquelas explotacións que teñen o selo de agricultura ecolóxica.

O produto servía, pero en Ecocelta quixeron dar un paso máis e conseguir pechar un ciclo comercial que é clave do medre da empresa e a súa introdución no círculo das grandes bodegas vitivinícolas do sur de Galicia. “Produciamos humus, pero decatámonos de que en Galicia, ao estar tan parceladas as leiras, non se podía aplicar con máquinas e non existían as ferramentas adecuadas. E se había que abonar a man todo se complicaba e corriamos o perigo de non vender o produto”, explica o emprendedor.

Así que Ecocelta foi a Andalucía para tomar nota de cómo esparexen alí o abono. E adaptou unha das máquinas que se estilan nos latifundios ás necesidades do terreo galego. “Deste xeito o cliente aforra en man de obra e nós ao producir e abonar pechamos a cadea comercial e o desafío de poder producir en cantidade, porque o problema de moitas empresas galegas de lombricultura ou compost é que non son estables ante a demanda. Se lles piden moito quedan sen material e entón o cliente vaise a buscar fora de Galicia”.

Innovación contra a estacionalidade

Con todo, Ecocelta non dá por cumpridos os seus desafíos. En apenas tres anos creceu, chegando xa aos sete empregados, pero os ingresos son demasiado estacionais. Outubro é un bo mes para empezar a vender abono, mais o verán non tanto. E a empresa quere rendibilizar o traballo durante todo o ano. Solución: I+D.

Ecocelta estuda, co apoio do programa de mellora competitiva do Igape, aplicacións de produtos noutras áreas como a xardinaría, tecnoloxía para cultivos intensivos, substratos para plantas ornamentais, -“que por exemplo na zona de O Rosal, traen de Portugal”, di Quiroga-. Ecocelta diversifica as súas miras, traballa co Instituto do Campo de Ourense para conseguir patacas de maior calidade a menor custo. “Onde antes se empregaban 30.000 quilos de esterco nunha hectárea, agora vale con 3.000 quilos do noso abono. Deste xeito, aforras non só no valor dese produto senón tamén en man de obra e transporte, que é o que máis encarece”, apunta Sergio Quiroga.

Son, estes, novos usos para o abono, ao igual que o proxecto que dende fai ano e medio ocupa unha liña de investigación conxunta entre Ecocelta e a Universidade de Santiago de Compostela para recuperar co humus de lombriga os chans degradados pola extracción de lousa. Este enxeño, que contou apoio do Concello do Barco de Valdeorras, suscitou o interese de varias empresas e pode aplicarse tamén a aqueles terreos arrasados polo lume.

Ecocelta planta ata a súa propia semente con charlas e cursos de divulgación a escolares. En resumo, iniciativas innovadoras que non pasaron desapercibidas e que lle valeron á empresa recoñecementos como o Premio Novas Empresas, no último Salón do Emprendedor do Atlántico, ou o Premio de Innovación Tecnolóxica Semana Verde de Galicia.

Última actualización ( 15/01/2007 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design