Economía apoia a expansión de Caramelo no marco do seu programa de axudas á internacionalización PDF
O consello de administración de Xesgalicia acordou apoiar as medidas orientadas cara a expansión internacional da firma téxtil para o periodo 2010-2014, de xeito que Caramelo poida abordar novos mercados como Brasil, India, Alemania, Polonia ou Reino Unido. Esta iniciativa enmárcase dentro da aposta decidida da Xunta de Galicia pola internacionalización da peme galega, cun claro reflexo nos orzamentos do plan re-Forza 2010 do Igape, que para achegar novas oportunidades e espazos de negocio ás empresas galegas teñen acadado unha subida dun 56% neste eido.
 
Santiago, 12 de febreiro de 2010.- A Consellería de Economía e Industria no marco do seu programa de apoio á Internacionalización das empresas galegas ten respaldado a estratexia de expansión internacional da firma téxtil Caramelo para o período 2010-2014, apoiando a concesión dun préstamo participativo por valor de 5 millóns de euros, concedido polo consello de administración de Xesgalicia, a través do Fondo Adiante.
 
Esta iniciativa enmárcase dentro da aposta decidida da Xunta de Galicia pola internacionalización da peme galega cun claro reflexo nos orzamentos do plan re-Forza 2010 do Igape, que para de achegar novas oportunidades e espazos de negocio ás empresas galegas teñen acadado unha subida dun 56% neste eido.
 
O Igape proponse dar en 2010 un impulso que sitúe a Galicia e as súas empresas nos mercados actualmente máis dinámicos e con maior potencial de adquirir os nosos produtos e servizos. Para logralo, estase a impulsar unha política que poña en valor o desenvolvemento de políticas relativas a expansión internacional do IGAPE; afondamento nos mecanismos de cooperación empresarial; creación de redes; interacción cos Organismos Financeiros Multilaterais; formación e capacitación especializada; reforzamento da posición da Xunta coa Galicia empresarial na diáspora; procura do compromiso activo dos sectores empresariais nos procesos de internacionalización ou a definición da imaxe galega como “marca”.
 
Entre as iniciativas máis novidosas neste ámbito cómpre salientar unha liña de prospección internacional mediante oficinas e exposicións permanentes, e outra de marqueting, comunicación e imaxe de marca. No eido dos servizos, está previsto impulsar unha rede de plataformas empresariais no exterior para facilitar o negocio das empresas galegas, que disporán dun espazo  con personal cualificado nativo e servizos de asesoramento.
 
Tamén se procurará dar pulo á internacionalización apoiando a creación de consorcios de exportación e redes de colaboración con axencias de desenvolvemento rexional de Alemaña, China, Xapón e USA, así como a interacción cos organismos financeiros multilaterais como o Banco Interamericano de Desenvolvemento ou o Proxecto Reserga, orientado á internacionalización dos servizos de enxeñería galegos nos emerxentes mercados latinoamericanos. Por outra banda, procederase á redifinición da relación de Galicia cos empresarios galegos no exterior para procurar darlle un impulso definitivo; para acadalo, deseñarase un Plan estratéxico da Galicia empresarial na diáspora que permitirá potenciar a rede actualmente existente.
 
Dentro deste contexto enmárcanse tamén os apoios ás estratexias internacionalizadoras como o plan de negocio proposto por Caramelo para o periodo 2010-2014, que inclúe ambiciosas medidas de expansión internacional e accións encamiñadas ao fortalecemento do seu canle multimarca. O plan de  internacionalización desta compañía téxtil inclúe estratexias para fomentar a expansión da penetración dos seus produtos nos mercados onde a marca xa estaba presente, como México, Grecia, Portugal, Emiratos Árabes, Qatar, Rusia ou China.
 
Asemade, este plan de internacionalización tamén prevé abordar, principalmente mediante franquicias e grandes almacéns, novos mercados como Brasil, Arxentina, India, Alemaña, Polonia ou Reino Unido. Con posterioridade a esta primeira fase de internacionalización, a empresa galega apostará pola súa expansión internacional cara a outros mercados de América Latina, Norte de África, Oriente Medio e norte, centro e este de Europa.
 
A expansión internacional de Caramelo farase efectiva mediante estratexias de actuación directa, a través de cadeas de grandes almacéns; a través de franquiciado local nos mercados obxectivo; ou mediante axentes comerciais multimarca. Ao mesmo tempo, a firma prevé impulsar a recuperación das vendas na canle multimarca, mediante o desenvolvemento dunha rede comercial propia.
 
Última actualización ( 12/02/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design