Economía apoia a Metalships na construcción dun buque que empregará a 300 persoas durante un ano PDF
A través do Igape, a Consellería de Economía e Industria acordou conceder un aval por un importe máximo de 5 millóns de euros, co que respalda a construción dun buque multipropósito contratado desde Noruega. O encargo xerará unha carga de traballo cifrada en, aproximadamente, 500.000 horas. O estaleiro vigués consolidou a súa carteira de novos pedidos nos últimos anos e mantén uha intensa actividade e prestixio na súa división de reparacións.
 
Santiago, 18 de novembro de 2009.- Mediante a concesión dun aval por un importe máximo de 5 millóns de euros, Economía e Industria garantirá o 70% dun préstamo bancario destinado ao financiamento do circulante necesario para que o estaleiro vigués Metalships&Docks poida construír un buque multipropósito offshore contratado cunha firma de Noruega. Este estaleiro, dedicado tanto á construcción como á reparación de buques de aceiro na ría de Vigo poderá xerar, deste xeito, emprego para entre 250 e 300 traballadores nesa área industrial durante un ano, dado que a operación apoiada a través do Igape suporá unha carga de traballo de, aproximadamente, 500.000 horas.
 
A operación apoiada polo Instituto Galego de Promoción Económica corresponde ao financiamento operativo para a construcción dun buque multipropósito offshore, de 153 metros de eslora e 30 de manga. A empresa Metalships&Docks consolidou a súa carteira de pedidos  para novas construcións durante os últimos anos. Está especializada en buques offshore e catamaráns para pasaxeiros, sen esquecer a construcción de barcos de pesca, unha liña de negocio moi afianzada pola gran tradición pesqueira da zona. A calidade de procesos deste estaleiro está certificada co amparo das normas ISO 9001, a ISO 14001 e a OSHAS 18001.
 
O servizo de  reparación de barcos vense ofrecendo no estaleiro desde hai 25 anos e atendeu xa un milleiro de encargos procedentes de todo o mundo. Os traballos desenvolvidos nesta división do estaleiro van desde reparacións sinxelas ata operacións complexas como a renovación de equipos de propulsión, instalación de novos motores, reparación de caldeiras, alongamento de navíos, novos bloques de aloxamento, etc. En reparacións, o estaleiro atende a unha media de 40 barcos cada ano.
 
As instalacións de MetalShips ocupan una superficie de máis de 60.000 metros cadrados, dos que 21.000 corresponden a zona cuberta destinada a talleres, almacéns e oficina. A factoría naval está equipada con dous diques flotantes de 5.000 e 8.000 Tm. de forza ascensional e capaces de varar buques de ata 160 metros de eslora.
Última actualización ( 20/11/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design