Economía apoia con préstamos por importe de casi 3 millóns de euros a dúas empresas alimentarias PDF
A Consellería de Economía e Industria respalda con 2,5 millóns de euros, a través de Xesgalicia, o proxecto de Aceites Abril, que prevé a construción dunha planta de refino en San Cibrao de Viñas (Ourense) que lle permitirá a empresa duplicar a súa facturación e crear 25 novos postos de traballo, así como modernizar as instalacións de carga, descarga e almacenamento que ten no porto de Vilagarcía. O apoio do departamento ao sector da alimentación materialízase tamén con outro préstamo de 350.000 euros para a mellora de procesos e a internacionalización de Marron Glacé.
 
Santiago, 2 de decembro de 2009.- A Consellería que dirixe Javier Guerra apoia cun préstamo participativo de 2,5 millóns de euros o financiamento duns investimentos por importe de case 13 millóns de euros promovidos pola empresa Aceites Abril, que construirá una planta de refino a carón das súas instalacións en San Cibrao de Viñas (Ourense) e creará 25 novos postos de traballo. O investimento será apoiado a través do fondo de capital risco Emprende, que xestiona a sociedade Xesgalicia, que aprobou a operación no seu último consello de administración. A través deste mesmo fondo, Economía e Industria apoia a mellora de procesos e as iniciativas de internacionalización de Marron Glacé cun préstamo participativo de 350.000 euros.
 
A planta de refino de aceites alimentarios cunstruirase nunha parcela de 23.000 metros cadrados contigua ás actuais instalacións de Aceites Abril, no polígono industrial de San Cibrao de Viñas (Ourense). O proxecto contempla tamén investimentos destinados á modernización das instalacións de carga, descarga e almacenamento que a empresa ten no porto de Vilagarcía de Arousa. Para cubrir o financiamento destes investimentos, a sociedade contempla unha ampliación de capital a subscribir polos propios socios, prevé contar con outros apoios da Xunta de Galicia a través da Consellería de Medio Rural, así como recorrer a financiamento bancario.
 
Aceites Abril é unha empresa familiar constituida en 1996 que se dedica  á compravenda, almacenado, envasado e comercialización de aceite. A facturación da empresa, cun cadro de persoal composto por 51 persoas,  ascendeu a 75,4 millóns de euros en 2008. Coa posta en marcha dos investimentos previstos, que se realizarán entre 2010 e 2011, a empresa  prevé duplicar as súas vendas e crear 25 novos postos de traballo.
 
Os novos investimentos achegarán importantes vantaxes competitivas derivadas dos menores custos en transportes, dado que o 80% do produto a refinar nas súas instalacións de Ourense entrará a través do porto de Vilagarcía. Na actualidade, Aceites Abril, abastécese principalmente mediante transporte de aceite en camións cisternas desde distancias que oscilan entre os 600 e os 900 quilómetros.
 
O proceso de desenvolvemento, modernización e crecemento desta empresa galega de transformación e comercialización de aceites de oliva está a ser continuado nos últimos anos; así, no actual exercicio impulsou a montaxe dunha sexta liña de envasado mediante uns investimentos cifrados en máis de un millón de euros.
 
Apoio a Marron Glacé
Por outra banda, o consello de administración de Xesgalicia acordou conceder a Marron Glace un préstamo participativo por importe de 350.000  euros para apoiar as súas accións de modernización de procesos produtivos e as súas iniciativas de internacionalización.
 
Desde a súa sede en San Cibrao de Viñas (Ourense), a empresa Marron Glacé dedícase á elaboración e comercialización de produtos galegos como as castañas, os grelos, os almendrados ou os mirabeis, aplicando sempre nos seus procesos produtivos os niveis máis altos de calidade e seguridade alimentarias, desenvolvendo técnicas de mellora continua con estritos controis.
 
Marron Glacé obtivo o recoñecemento como empresa Gacela segundo a publicación do Servizo de Información Ardán, do Consorcio da Zona Franca de Vigo, correspondente a 2009; esta distinción recoñece ás empresas que presentan unha elevada e constante taxa de crecemento nas súas cifras de ingresos durante un periodo de polo menos tres anos consecutivos.
 
Nos últimos anos Marron Glacé está a impulsar constantes melloras tanto nas súas instalacións como nos equipamentos produtivos, ao tempo que avanza de xeito continuado na súa proxección exterior. Os seus produtos están cada vez máis internacionalizados e chegan a preto de trinta países de todo o mundo, entre os que figuran Rusia, México ou Xapón.
Última actualización ( 02/12/2009 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design