| Economía apoia con préstamos que suman case 9 millóns de € investimentos que superan os 25 millóns |
|
|
Entre as operacións aprobadas polo Consello de Dirección do Igape destaca o préstamo de 3,1 millóns de euros a Dygra para apoiar o financiamento da longametraxe Holy Night. O Igape apoia tamén, con 2,5 millóns de euros, a recuperación do Palacio de Sober, un hotel de cinco estrelas para a Ribeira Sacra. Os outros préstamos concedidos corresponden a Cablerías Auto, Canteras de Vilanova, Rosa María Mirás e Greymucesa. As axudas da Consellería que dirixe Javier Guerra Fernández permitirán a creación de 56 novos postos de traballo.
Santiago, 27 de outubro de 2009.-O consello de dirección do Instituto Galego de Promoción Económica, presidido polo Conselleiro de Economía e Industria, Javier Guerra, aprobou na súa última reunión a concesión de 6 operacións de préstamo por importe conxunto de 8.957.100 euros para apoiar investimentos empresariais cifrados en máis de 25 millóns de euros. Estes préstamos, ao amparo da liña fornecida con fondos achegados polo Banco Europeo de Investimentos (BEI), teñen un prazo de amortización de 7 anos e un xuro referenciado ao euríbor +0,5 puntos porcentuais.
Entre as operacións aprobadas destaca o proxecto da produtora audiovisual Dygra, que está a impulsar a realización da longametraxe Holy Night; cun orzamento de 10,6 millóns de euros, trátase dunha comedia que contrapón a tradición europea do Nadal coa anglosajona; é un filme de animación 3D para proxección en salas 3D estereoscópicas ou convencionais. O Instituto apoia a realización desta producción audiovisual cun préstamo de 3,1 millóns de euros.
Pola súa parte, a empresa Alvaher 98 S.L. impulsa un investimento de 7,8 millóns de euros para financiar a reconstrucción do antigo Palacio de Sober que albergará, na Ribeira Sacra, un hotel de 5 estrelas que suporá a creación de 34 postos de traballo. Economía e Industria apoiará este investimento cun préstamo de 2,5 millóns de euros. O hotel Palacio de Sober achega un novo enfoque do negocio hostaleiro baseado na calidade e na innovación. Concíbese como un destino para persoas que queiran gozar dun servizo exclusivo nun edificio singular de gran valor histórico e artístico data do século VII- e nunha paisaxe natural única como é a da Ribeira Sacra. A superficie de construcción total da actuación é de 4.500 metros cadrados. A dirección técnica, a administración e a comercialización deste establecemento hosteleiro de luxo será desenvolvida por Husa Hoteles.
O Instituto Galego de Promoción Económica concedeu, ao mesmo tempo, un préstamo de 1.125.750 euros a Cablerías Auto para apoiar o financiamento de investimentos en inmobilizado e capital corrente, para a adquisición para as súas instalacións en Porriño (Pontevedra) dunha nova liña de negocio que inclúe a incorporación de novos clientes. O proxecto contempla a adquisición dunha nova liña de negocio a Delfingen Portugal e a súa transferencia e incorporación á actividade actual de Cablerías Auto en Porriño; este proxecto prevé a creación de 22 novos postos de traballo nunha primeira fase de desenvolvemento, ata a primavera de 2010.
A Canteras de Vilanova, S.L., o Igape concedeulle un préstamo de un millón de euros para apoiar o financiamento de investimentos cifrados en máis de 2 millóns de euros para modernizar o seu proceso produtivo, no marco dunha actuación que lle permitirá valorizar os residuos xerados actualmente.
Por outra banda, o consello de dirección do Instituto acordou igualmente concederlle un préstamo de 856.350 euros á emprendedora Rosa María Mirás para financiar os investimentos necesarios para a construcción en Cerceda, A Coruña- dunha planta industrial de 3.000 metros cadrados para o tratamento de algas, ourizos e fígados de rape. Rosa María Mirás dedícase desde 1998 á transformación e comercialización de algas mariñas coa marca Porto Muiños. O investimento previsto ascende a 2,4 millóns de euros e conta tamén co apoio da Consellería do Mar, que lle concedeu unha subvención de 1,2 millóns de euros.
Finalmente, o Igape acordou conceder un préstamo de 375.000 euros a Geymucesa para apoiar investimentos empresariais cifrados en 759.490 euros destinados á adecuación dunha nave e adquisición de maquinaria para a implantación dun centro de pintura a chorreo industrial en Cerceda, A Coruña. |


