Economía destina 11,6 millóns de euros a apoiar os investimentos tecnolóxicos das pemes galegas PDF
En total, e a través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), vanse apoiar deste xeito 98 proxectos de innovación e mellora tecnolóxica e 166 iniciativas amparadas polo programa Innoempresa, neste caso cofinanciado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, das que se beneficiarán máis de mil empresas.
 
Santiago,  27 de decembro de 2009.- A Consellería de Economía e Industria vén de conceder, polo sistema de concorrencia competitiva e a través do Instituto Galego de Promoción Económica, 11,63 millóns de euros destinados a apoiar o desenvolvemento de 264 proxectos de investimento para a innovación e mellora tecnolóxica das pemes e iniciativas enmarcadas no programa innoempresa 2009, cofinanciado polo Ministerio de Industria, Turismo e Comercio; en conxunto estes proxectos apoiados polo Igape terán como beneficiarias a 1.068 empresas.
 
Ao amparo da liña destinada a apoiar proxectos de investimento para a innovación ou mellora tecnolóxica das pemes, destinada  a apoiar investimentos comprendidos entre 100.000 e 500.000 euros, o Igape apoiará na convocatoria deste ano un total de 98 proxectos, logo de conceder unha subvención conxunta de 7,44 millóns de euros. Estes investimentos estarán centrados principalmente na incorporación de novos bens de equipo de carácter tecnolóxico: maquinaria de proceso, instalacións específicas necesarias para a súa implantación, elementos de transporte interior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipo ligados ao proxecto; tamén se subvencionan gastos relativos á adquisición da propiedade intelectual e industrial como licenzas de fabricación e patentes.
 
Por outra banda, o Instituto dependente da Consellería de Economía e Industria acordou apoiar, con subvencións que suman 4,19 millóns de euros, 166 dos proxectos que concorreron á convocatoria do programa Innoempresa correspondente a 2009 e que teñen como beneficiarias a un total de 970 empresas, dado que unha boa parte dos proxectos son de carácter colectivo.
 
O obxectivo fundamental deste programa de apoio á innovación das pequenas e medianas empresas é promover a innovación  e a competitividade das Pemes galegas mediante a realización de proxectos, tanto individuais como colectivos, nos ámbitos tecnolóxico, organizativo e de xestión. No marco deste programa teñen especial importancia os proxectos de carácter colectivo, a partir do labor de impulso a desenvolver polos organismos intermedios que presten ás pemes,  de forma habitual, servizos  de apoio á innovación  e á modernización nas súas diversas formas.
 
Son apoiables no marco do programa Innoempresa os proxectos de innovación en áreas como a organización da producción, a relación con provedores e clientes, os modelos de marqueting e comercialización, a xestión medioambiental, a eficiencia enerxética, a loxística ou a xestión de recursos humanos. Son igualmente apoiables a elaboración de diagnósticos  de situación e a elaboración de plans estratéxicos, así como as iniciativas de deseño de produto.
 
No eido da innovación tecnolóxica e de calidade, o Igape apoia, tamén no marco do Programa Innoempresa, plans de mellora tecnolóxica mediante o asesoramento a empresas a través da utilización de centros tecnolóxicos ou de consultoras especializadas; a través de proxectos de desenvolvemento tecnolóxico impulsados por pemes; e mediante iniciativas de implantación e certificación de normas tecnolóxicas, de xestión medioambiental e de calidade.
 
O programa Innoempresa apoia igualmente inciativas de innovación en colaboración, sexan a través de proxectos integrados de grupos de empresas para implantación conxunta nunha cadea de valor, sexan mediante proxectos de identificación de necesidades tecnolóxicas, desenvolvemento de solucións comúns e utilización de servizos avanzados compartidos para grupos de pemes.
 
O programa Innoempresa está regulado a nivel estatal polo Real Decreto 1579/2006, publicado no BOE o 2 de febreiro de 2007, onde se establece o réxime de axudas e o sistema de xestión do programa, que se encomenda ao Igape en Galicia. O financiamento  das axudas concedidas neste ámbito conta con recursos económicos procedentes do Feder.
Última actualización ( 20/01/2010 )
 
 
Joomla Templates by JoomlaShack Joomla Templates by Compass Design