| Economía Industria reforza o Fondo Emprende con 4 millóns de euros para proxectos emprendedores |
|
|
A ampliación de capital autorizada polo Consello da Xunta permitiralle a este fondo participar no impulso e financiamento de novas iniciativas empresariais innovadoras. Gobernado por Xesgalicia, ten como obxecto principal o financiamento de novas iniciativas empresariais, especialmente aquelas impulsadas por novos emprendedores, as de nova creación con posibilidades de desenvolvemento, e as que acometan actividades novidosas e/ou apliquen novas tecnoloxías.
Santiago, 21 de octubre de 2010.- A través do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), a Consellería de Economía e Industria incrementará en 4.098.901,84 euros os recursos do Fondo de capital risco Emprende, segundo vén de autorizar o Consello da Xunta. O Fondo Emprende, xestionado por Xesgalicia, ten como obxecto principal participación no capital de novas iniciativas empresariais, especialmente aquelas impulsadas por novos emprendedores, as de nova creación con posibilidade de desenvolvemento, e aquelas que acometan actividades novidosas e/ou apliquen novas tecnoloxías.
Para que o Emprende poida apoiar mediante participacións en capital e/ou préstamos novos investimentos emprendedores en estudo, o Igape ampliará a súa participación -maioritaria- no Emprende mediante a subscrición de 682 novas participacións por un valor que supera os catro millóns de euros. A ampliación total prevista ascende a 5.306.935,96 euros. Ademais do Igape, participan no Fondo de capital risco Emprende as caixas de aforros galegas.
Para as empresas obxecto de investimento, a toma de participación e/ou concesión de préstamos por parte do Fondo Emprende, supón unha fonte de financiamento, polo que contribúe á súa estabilidade financeira, engadíndolles credibilidade. Asemade, a participación deste fondo contribúe á profesionalización da xestión empresarial, colaborando na busca de financiamento adicional e apoiando a internacionalización, entre outros servizos.
A ampliación do capital do Fondo Emprende forma parte das numerosas e variadas actuacións impulsadas pola Xunta de Galicia para procurar que as restricións financeiras non impidan o emprendemento nin a posta en marcha de novos investimentos empresariais. Así, para apoiar as iniciativas dos novos emprendedores a Consellería de Economía e Industria impulsou este ano, a través do Igape, programas de subvencións como o re-Emprende, así como o fondo de capital risco Xes-Innova, que acaba de pórse en marcha para apoiar proxectos especialmente innovadores nas primeiras fases de desenvolvemento. |
|
| Última actualización ( 21/10/2010 ) |


