| Economía e Industria achega recursos formativos en liña para mellorar a competitividade das empresas |
|
|
Na Biblioteca de Innovación de Galicia que vén de poñer en marcha o Igape pódese descargar de xeito gratuíto unha colección de textos sobre as vías e posibilidades da innovación empresarial. As publicacións dixitais, dispoñibles tanto para Ipad ou libro electrónico como en formato pdf, abordan aspectos como a xestión da innovación, a incorporación da tecnoloxía, o financiamento dos proxectos innovadores ou o capital humano e a creatividade.
Santiago, 5 de xaneiro de 2012.- A Consellería de Economía e Industria, a través do Igape, vén de poñer a disposición dos empresarios e emprendedores galegos a Biblioteca Práctica de Innovación de Galicia Aprende a innovar, unha ferramenta en liña que ten por obxectivo contribuír á difusión de ideas innovadoras para facilitar a mellora competitiva das empresas. Nesta colección dixital, á que se pode acceder na web http://aprendeainnovar.igape.es, ofrécese de xeito gratuíto unha vintena de títulos dispoñibles en galego e castelán tanto para Ipad ou libro electrónico como en pdf.
Na biblioteca, a disposición dos empresarios e emprendedores que se rexistren na web do Igape grazas á colaboración coa editorial galega Netbiblo, abórdanse catro temáticas interrelacionadas: a xestión da innovación, a incorporación da tecnoloxía, o financiamento dos proxectos innovadores ou o capital humano e a creatividade. Durante as primeiras semanas de apertura xa se produciron máis de mil descargas.
No eido referido á xestión da innovación están dispoñibles títulos como Os Clusters, de Javier García Díez, centrado na cooperación empresarial como factor clave de mellora competitiva; ou O ABC da innovación, de Juan Vicente García Manjón e Javier Alfonso Rodríguez Escobar. Entre os textos ofertados no ámbito da tecnoloxía están Biotecnoloxía, de Juan P. Duque, centrado nun dos sectores punteiros da innovación ou Provedores de coñecemento, de Javier González Sabater, así como Web 2.0, de José Luis Marín de la Iglesia.
No ámbito do financiamento, na biblioteca inclúense publicacións como Business Angels, de Pablo Martínez García e José Gabriel García Ortega; I+D+i en Europa, de Manon van Leeuwen, que achega unha introdución ao VII Programa Marco da UE; ou Start-ups, de Isidre March Jorda. No que respecta aos eidos do capital humano e a creatividade atópanse publicacións como Faino distinto, de Santiago Sousa Carreira ou e As 3R do seu negocio, de Fernando Sáenz-Marrero Fernández, con conceptos, ferramentas e casos de referencia que poden axudar a re-pensar, re-deseñar e re-emprender nun negocio. |
|
| Last Updated ( Monday, 23 January 2012 ) |


